Xesús Vázquez recibe, en nome da Fundación Cidade da Cultura, os premios “Restaurant & Bar Design Awards” que recoñecen a cantina do Gaiás como o restaurante mellor deseñado do 2011

O conselleiro de Cultura e Educación en funcións celebra un galardón que volve colocar á Cidade da Cultura na vangarda do deseño e arquitectura mundial

Estudio Nómada, formado polo arquitecto José Antonio Vázquez Martín e o deseñador Enrique de Santiago, recibiu en setembro en Londres a distinción que recoñece á Cantina como o restaurante mellor deseñado en todo o mundo

Tras recibir o premio, Vázquez Abad desprazouse ao Museo Centro Gaiás para admirar a obra “Soños de pedra no fin da Terra”, unha intervención lumínica realizada de xeito altruísta, por Paco de Pin sobre unha peza do escultor Manolo Paz

Mar, 20/11/2012 - 12:43

Vídeo coas declaracións do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad

Xesús Vázquez Abad recibiu os dous galardóns concedidos nos Restaurant & Bar Des
Xesús Vázquez Abad recibiu os dous galardóns concedidos nos Restaurant & Bar Design Awards que recoñecen á Cantina do Gaiás como o restaurante mellor deseñado en 2011 en todo o mundo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, recibiu esta mañá, en nome da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, os dous galardóns concedidos nos Restaurant & Bar Design Awards que recoñecen á Cantina do Gaiás como o restaurante mellor deseñado en 2011 en todo o mundo. Os responsables de Estudio Nómada, creadores da Cantina, foron os encargados de entregar o galardón nun acto celebrado no bar, cafetería e restaurante do Gaiás, no que tamén estivo presente a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño.

“A consecución de dous premios Restaurant & Bar Design supón un merecido recoñecemento internacional ao deseño e ao torrente creativo que existe en Galicia, representando neste caso polo Estudio Nómada. Mais este galardón supón tamén un novo recoñecemento ao proxecto da Cidade da Cultura de Galicia, que volve situarse á vangarda do deseño e arquitectura mundial”, asegurou no acto o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Unha taberna rural reinterpretada no Gaiás

Cunha linguaxe contemporánea pero partindo da cultura popular galega, o arquitecto José Antonio Vázquez Martín e o deseñador Enrique de Santiago trasladaron ao Gaiás unha taberna característica do rural galego ao moderno complexo deseñado por Peter Eisenman. Un concepto que lle valeu o premio ao “Mellor Restaurante” dos “Restaurant & Bar Design Awards”, ademais do premio na súa categoría: o de Cantina. A Cantina da Cidade da Cultura competía con outros innovadores e espectaculares espazos como o Graffiti de Bulgaria, que se alzou co premio ao “Mellor bar”; o Holburne Garden Café, cafetería do The Holbourne Museum do Reino Unido; o restaurante Les Grandes Tables de L’ile Seguin de Francia ou o Pump Room dos Estados Unidos.

Os responsables de Estudio Nómada expresaron a “súa sorpresa, agradecemento e orgullo” de lograr estes dous galardóns nos premios de deseño de establecementos hosteleiros máis importantes a nivel internacional. E agradeceron a confianza depositada pola Fundación Cidade da Cultura á hora de confiarlle este proxecto.

“Restaurant & Bar Design Awards”

Os “Restaurant & Bar Design Awards” son uns garlardóns independentes do Reino Unido que premian  a nivel internacional un concepto único no mundo: o deseño amable e hospitalario dos mellores bares e restaurantes. O xurado está formado por destacadas personalidades do deseño nos seus máis variados ámbitos, dende o deseño industrial ata o naval, mobiliario, gráfico, hosteleiro ou arquitectónico. A súa función é a de recoñecer e premiar a excelencia do deseño a nivel internacional e entre as figuras que forman parte deste grupo influínte de expertos están figuras tan diversas como o italiano Alberto Alessi, presidente da compañía italiana Alessi Spa; a editora xefe da Casa Vogue de Brasil, Taissa Buescu; ou Michel Rojkind, socio fundador de Rojkind Arquitectos de Cidade de México, nomeado en 2005 por Architectural Record como unhas das dez mellores empresas de deseño vangardista.

Os premios “Restaurant & Bar Design” supoñen para a Cantina o último dos recoñecementos a un espazo arquitectónico que esperta un grande interese en todo o mundo e que xa lle valeu ser nos prestixiosos premios FAD de 2011, que recoñece cada ano a calidade e a vangarda en espazos que abre novos camiños respecto ás linguaxes tradicionais.

Intervención lumínica en “Gallaecia Petrea”

Tras o acto na Cantina, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións trasladouse ao Museo Centro Gaiás para admirar a obra “Soños de pedra na fin da terra”, intervención lumínica de Paco de Pin sobre a obra “Soños de pedra” do escultor Manolo Paz e que forma parte da exposición “Gallaecia Petrea”.

Con esta intervención efémera, Paco de Pin colabora de xeito altruísta co escultor Manolo Paz a través da súa faceta de iluminador, dándolle volume e vida ás tres esculturas que forman “Soños de pedra”. Tratase dunha intervención integramente patrocinada pola empresa Kachet, que con esta acción quere mostrar o seu apoio a unha mostra que divulga o patrimonio cultural galego.

O público que se achegue ao Museo Centro Gaiás ata o domingo poderá contemplar este traballo colaborativo no que, a través dun xogo de luces, tonos, ángulos e potencias, Paco de Pin pretende trasladar ao público ao taller que Manolo Paz ten en Cambados, a esa hora máxica do lusco e fusco, onde as esculturas adquiren brillo, calidez, en definitiva, vida.

Menús News node R

Tema