Vázquez Abad asiste á entrega dos premios correspondentes á 35 edición dos galardóns da Fundación Premios da Crítica

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, estivo presente no acto no que ademais foi presentado o libro 35 anos de cultura galega

Sáb, 17/11/2012 - 23:15

O conselleiro en funcións de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe pola tarde a entrega dos premios da Fundación Premios da Crítica.

Os gañadores desta 35º edición resultaron o escritor Agustín Fernández Paz na categoría de Creación Literaria; a profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Patricia Fra no apartado de Investigación; e a Asociación Galega de Compositores en Música. Mentres que en iniciativas Musicais foi recoñecida a asociación O sorriso de Daniel; do mesmo xeito en Artes Plásticas e Visuais o galardón foi para a artista Carmen Nogueira. Finalmente en Artes Escénicas e Visuais o premiado foi o actor Xosé Manuel Olveira “Pico”.

Durante a súa intervención o conselleiro en funcións sinalou que “temos tres retos que atender: protección, posta en valor social e proxección exterior da cultura galega; promoción e impulso dunha nova política para a difusión das nosas manifestacións artísticas; e vontade institucional para aumentar a capacidade competitiva das nosas industrias culturais”.

Respecto do 35 aniversario dos Premios da Crítica recordou que “no 1978 un grupo de entusiastas partícipes da nosa vida cultural, encabezados polo libreiro e editor Bieito Ledo, puxeron en marcha, desde o círculo ourensán-vigués, os Premios da Crítica de Galicia”, ao que engadiu que “botaron a andar, colleron pulo e acompañaron -ao longo destas tres décadas e media- o pulso da nosa sociedade civil. Vaia, pois, por diante o meu recoñecemento a todas e a todos os que fixestes realidade a existencia dun colectivo que premia e que anima aos escritores, aos artistas plásticos, aos actores, aos músicos, á puxante creatividade da nosa terra”.

En relación aos galardoados desta noite Vázquez Abad sinalou que “a miña felicitación a todas e a todos, noraboa aos distintos xurados cualificadores, o meu agradecemento para a organización e o meu compromiso, diante dos presentes, de que non escatimaremos nin tempo nin esforzo para que Galicia brille no mundo enteiro como unha estrela creativa”.

No acto estiveron presentes, xunto ao conselleiro en funcións, os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente.

O xurado

O xurado estivo composto por sete membros con voz e voto e una secretaria vinculada a Fundación por cada unha das categorías recoñecidas. Este ano entre os membros que conformaron ditos xurados estiveron os últimos premiados en cada modalidade.

Así participaron Ana Romaní en Creación Literaria; o investigador Jorge Mira en Investigación; Rodrigo Romaní, membro de Son de Seu (gañador da edición de 2011) en Música; Xosé Manuel Rosales, membro do Proxecto Terra, gañador da edición 2011 en Iniciativas Culturais; Xesús Ron, actor e director de Chévere, gañador en 2011 en Artes Escénicas y Visuais. A única excepción é a de Artes Plásticas e Visuais, que na pasada edición recoñeceu á artista galega afincada en Londres Ángela de la Cruz, e que non se atopa no xurado.

Libro conmemorativo

No mesmo acto de entrega dos premios na súa 35 edición a Fundación presentou o libro “35 anos da cultura galega”, no que se fai un repaso á cultura galega desde o ano 1978 ata a actualidade, e no que se inclúe literatura, críticas, fotografías, ilustracións e reproducións facsimilares.

Cómpre destacar que a Fundación está integrada por representantes do mundo da cultura galega como Bieito Ledo, Manuel Bragado, Víctor Freixanes ou Antón Pulido e as escritoras e profesoras María do Cebreiro e Inma López Silva, entre outros compoñentes.