Cultura e Educación desprega ‘Os Axóuxeres’ e ‘FalaRedes’ en 13 localidades galegas durante a fin de semana

O departamento dirixido en funcións polo conselleiro Vázquez Abad continúa impulsando a lingua galega no tempo de lecer en colaboración coas entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística

Os Axóuxeres teatrais fan parada en Vilagarcía de Arousa, Boiro, Ribeira e A Pobra do Caramiñal, mentres que o seu formato dixital chega a Cuntis, Santiago de Compostela, Lalín e Silleda

Galego de Cine clausura a súa xira por Galicia en Mondariz-Balneario, mentres que O Señor das dunas segue o seu percorrido por Curtis, Brión e Ames e Titerehop recala en Oroso

Sáb, 17/11/2012 - 12:30
Cultura e Educación desprega ‘Os Axóxeres’ e ‘FalaRedes’ en 13 localidades
Cultura e Educación desprega ‘Os Axóxeres’ e ‘FalaRedes’ en 13 localidades galegas durante a fin de semana

Unha fin de semana máis a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achegaralles ás localidades adscritas á Rede de Dinamización da Xunta de Galicia (RDL) os dous programas de promoción do galego que está a despregar simultaneamente por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. En concreto, Os Axóuxeres e FalaRedes chegarán desta volta a 13 municipios de Galicia con outras tantas actividades para encher o tempo de lecer de música, de cine e de teatro en galego. As iniciativas teñen como fin promover a transmisión interxeracional da lingua e o seu uso, nomeadamente nas familias novas, na infancia e na adolescencia.

Arte, música e palabras para para a xente miúda da casa

A nova edición dos Axóuxeres trae consigo unha manchea de novidades das que se poderán beneficiar as familias con fillos de entre cero e seis anos. A familia de bonecos que conforman Lúa, Antón, Xan, Iria, Pelouro, Moncho e o marciano verde R01 (o seu nome terrícola é Roi) xa se poden seguir diariamente -grazas á colaboración entre CRTVG e o departamento educativo da Xunta de Galicia- na segunda canle da televisión pública galega. As súas aventuras e cancións farán máis divertidos os almorzos, os xantares e as merendas dos cativos, ademais de inculcarlles a lingua galega como valor positivo e aprenderlles a pronunciar as súas primeiras palabras en galego.

Os Axóuxeres en vivo e en directo chegan tamén a 20 concellos da RDL, da man dos Encontros teatrais. Destinados á xente máis miúda da casa e aos seus proxenitores, os personaxes interpretarán a poucos metros dos bebés de 0 a 3 anos as cancións do programa, xunto con outras aventuras que farán gozar aos asistentes. O curmán dos Axóuxeres guía a actividade de dinamización lingüística, de 50 minutos de duración, na que a interacción e a transmisión interxeracional da lingua xogan un papel fundamental. Para participar neles cómpre reservar praza. Durante a fin de semana chegan a Vilagarcía de Arousa, Boiro, Ribeira e á Pobra do Caramiñal.

Os cativos algo máis vellos –de tres a seis anos- entrarán de cheo nas fazañas dos Axóuxeres cos Encontros dixitais. Especificamente para eles, a secretaría xeral de Política Lingüística leva por outras 20 localidades da RDL unha proxección virtual interactiva na que os pequenos Axóuxeres se enfrontan ao enfeitizamento da “bruxa do pelo roxo”. 12 son os retos que haberá que superar para deter o feitizo por medio de cancións, adiviñas ou probas que teñen como elemento central a lingua galega. Na segunda semana de andaina das proxeccións, os Encontros dixitais chegan de balde á veciñanza de Cuntis, Santiago de Compostela, Lalín e Silleda.

O pase de Cuntis conta coa asistencia do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Os Axóuxeres en internet

O proxecto trasmedia dos Axóuxeres 2012 compleméntase en Internet, relacionando a innovación e a tecnoloxía co uso da lingua galega. Na rede está aberto un espazo de opinión no que as familias que participen nos encontros poden compartir a súas experiencia e, asemade, participar no sorteo de 15 lotes de produtos de lecer en lingua galega: http://www.xunta.es/linguagalega/experiencia_encontros_axouxeres.

En versión descargable, e para familiarizar aos máis novos co uso das tecnoloxías da información e da comunicación, están tamén ao dispor de pequenos e maiores todas as cancións e letras dos Axóuxeres 2012, así como ducias de xogos e aplicacións para o móbil e tabletas Android. Toda a información e descargas en: www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2012

Teatro, cinema e hip hop en ruta

FalaRedes, o outro programa de dinamización lingüística que está a chegar aos concellos da RDL fará parada en Oroso, Mondariz Balneario, Curtis, Brión e Ames por medio de tres formatos de actividades diferentes de fomento do uso do galego. Os adolescentes aprenderán a rimar e confeccionar monicreques con Titerehop ao mesmo tempo que público de todas as idades poderá escoitar cinco historias galegas ilustradas con area no Señor das dunas.

As actividades tamén teñen continuidade en internet: As pezas construídas en Titerehop no blog http://titerehop.wordpress.com/, e a arte das contadas do Señor das dunas no web www.xunta.es/linguagalega/arquivos/contos_arredor_microondas.pdf.

Galego de Cine, a actividade na que os pequenos crean unha curtametraxe colectiva a través da aprendizaxe previa das técnicas audiovisuais chega á súa fin, logo de aparcar nun cento de concellos da RDL. A derradeira sesión terá lugar hoxe en Mondariz-Balneario. Nos vindeiros días abrirase o concurso para votar a mellor peza audiovisual entre as creadas polos cativos de todos os concellos participantes en www.galegodecine.org.

Toda a información sobre FalaRedes, no web institucional de Política Lingüística.

Veu a mañá

Menús News node R