Cultura e Educación réndelle homenaxe a García Lorca na sesión de ‘Galicia, Ceo das Letras’ celebrada hoxe na Cidade da Cultura

O escritor Luis García Montero foi o encargado de achegar a figura dunha das iconas da cultura española do século XX

Ugía Pedreira, Marcos Teira, Fran Pérez “Narf” e Pepe Sendón ofreceron un concerto inédito coa interpretación dos “Seis poemas galegos” de Lorca

Este luns ábrese o prazo para inscribirse na sesión dedicada a Castelao coa que se pecha o ciclo o vindeiro 15 de decembro

Sáb, 17/11/2012 - 12:15
Cultura e Educación réndelle homenaxe a García Lorca na sesión de ‘Galicia, Ceo
Cultura e Educación réndelle homenaxe a García Lorca na sesión de ‘Galicia, Ceo das Letras’ celebrada hoxe na Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura de Galicia acolleu hoxe unha gran homenaxe a unha das iconas da cultura española do século XX: Federico García Lorca. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organizou esta xornada que contou cun relatorio a cargo do poeta, ensaísta, crítico literario e Catedrático de Literatura Española na Universidade de Granada, Luis García Montero; e un concerto exclusivo de Ugia Pedreira, Marcos Teira, Fran Pérez "Narf" e Pepe Sendón, no que interpretaron os Seis poemas galegos de Lorca.

O Centro de Innovación Cultural acolleu esta nova sesión de Galicia, Ceo das Letras, na que se reivindicou a figura e a obra dun poeta sublime e excepcional dramaturgo amado polas clases populares e polas máis altas instancias da crítica literaria. Unha figura e unha historia plasmada na conferencia pronunciada polo poeta granadino Luis García Montero, gran coñecedor da obra de García Lorca.

Tras este interesante relatorio no que quedou plasmado o vínculo temperán e intenso de Lorca con Galicia, celebrouse un concerto único e creado especialmente para este ciclo. Ugía Pedreira e Marcos Teira –membros do grupo Marful- foron os encargados de poñer a nota musical coa interpretación dos Seis Poemas Galegos de Lorca. Xunto a eles estiveron o guitarrista e compositor Fran Pérez (NARF) e o percusionista Pepe Sendón.

Actividades para pequenos lectores

Os máis pequenos tamén puideron achegarse á figura de García Lorca  dunha forma lúdica e divertida. Da man de Marta Ríos, coñeceron ao escritor a través da súa escolma de poesía para nenos, escribiron poemas, cantaron obras que xa foron musicadas como ‘La Tarara’ para acabar ilustrando e pintando as poesías nun mural colectivo. Na segunda hora da sesión, os participantes neste Ceo das Letras Infantil sumáronse aos maiores para gozar xuntos do extraordinario concerto ofrecido no auditorio do CINC.

Castelao pecha o ciclo

Galicia, Ceo das Letras concuirá esta edición de 2012 cun último “sábado de autor” dedicado ao referente indiscutible da literatura galega: Afonso Daniel Rodríguez Castealo. A sesión terá lugar o 15 de decembro ás 12:00 horas e será posible inscribirse de balde a través da web www.cidadedacultura.org a partir deste luns, 19 de novembro.

A sesión correrá a cargo de Alfonso Paz Andrade, vicepresidente da Fundación Castelao, que será o encargado de presentar a Miguel Anxo Seixas Seoane, licenciado en Historia da Arte Contemporánea pola USC e vicepresidente segundo da Fundación Castelo, quen será o encargado do relatorio. Tras el, Títeres Cachirulo porá en escena Cousas da Vida, espectáculo de transparencias e sombras inspirado nas personaxes das viñetas de Castelao.

Para concluír esta edición de Galicia, Ceo das Letras, o escritor, xornalista e músico bravú Xurxo Souto achegarase á Cidade da Cultura para recitar o célebre discurso de Castelao Alba de Gloria.