A Cidade da Cultura, ademais da súa programación propia, acolleu 300 eventos organizados por empresas, asociacións privadas ou organismos públicos

Destes 300 eventos, 155 foron organizados por empresas ou asociacións privadas, 93 por departamentos da Xunta de Galicia e outros organismo públicos, e 53 pola propia Fundación da Cidade da Cultura de Galicia

Empresas como Apple, BBVA, Banco Santander, El Corte Inglés, American Express, Barceló Viajes ou Filmax teñen empregado as instalacións do Gaiás para organizar xornadas de formación, presentación de produtos ou conferencias

Dom, 30/09/2012 - 12:00

Ademais das 400 actividades do seu programa cultural, a Cidade Cultura de Galicia ten acollido dende a súa apertura ao público 300 eventos organizados por empresas privadas, institucións públicas ou colectivos culturais ou sociais. Destes 300 eventos, 155 foros organizados por empresas ou asociacións privadas, 92 por departamentos da Xunta de Galicia e outros organismos públicos, e 53 pola propia Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Apple, BBVA, o Banco Santander, El Corte Inglés, American Express, Novartis, Barceló Viajes ou Filmax, foron, entre outras moitas, algunhas das firmas que teñen pasado polo Gaiás durante esta primeira fase de apertura ao público, organizando xornadas de formación, presentacións de produtos ou conferencias.

Polo aluguer de espazos, a Cidade da Cultura ten ingresado ata agora 68.000 euros. Coa apertura dos novos edificios (o Museo Centro Gaias e o edificio de Servizos Centrais) as previsións de ingresos por esta vía aumentan, como amosa o feito de que están xa firmados contratos por valor de 51.410 euros para o ano 2013.

Ademais, as instalacións do Gaiás serviron para acoller 92 actos organizados por diferentes departamentos da Xunta de Galicia e outros organismos públicos, entre os que se contan áreas tan diferentes como AGADIC, a Secretaría Xeral de Turismo, o SERGAS, a Secretaría Xeral de Igualdade, Turgalicia, entre outros moitos. Este actos supuxeron na maioría dos casos un aforro para a Administración galega ao evitar ter que alugar instalacións externas para a organización de seminarios, congresos, xornadas formativas, etc.

Co aproveitamento dos espazos arquitectónicos do Gaiás para este tipo de eventos búscase dinamizar ao máximo o complexo arquitectónico, optimizando as posibilidades para a obtención de recursos, incrementando a súa rendibilidade social e traballando para consolidar no Gaiás un modelo de xestión que permita ser unha infraestrutura sostible.