Cultura e Educación prepara a normativa para que as Escolas Oficiais de Idiomas podan implantar cursos de nivel superior de ensinanzas regradas de linguas estranxeiras – nivel C

El conselleiro anunció la próxima autorización de cursos especializados de nivel C durante la clausura de las VI Jornadas de Escuelas Oficiales de Idiomas, en el CIFP Politécnico de Santiago. Esta medida cubrirá la alta demanda de alumnos interesados en el perfeccionamento en lenguas extranjeras

O integrante do Centre International d’Études Pédagogiques’, Vincent Folny, destacou “o alto nivel dos equipos de certificación das escolas oficiais de idiomas en Galicia”

Sáb, 29/09/2012 - 12:30
O conselleiro Xesús Vázquez Abad durante o acto de peche das VI Xornadas de Esco
O conselleiro Xesús Vázquez Abad durante o acto de peche das VI Xornadas de Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a preparar a normativa a través da cal se poderán autorizar cursos de nivel superior de ensinanzas regradas de linguas estranxeiras – nivel C do Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL)- nas Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia. Estas ensinanzas serán autorizadas nas EEOOII que así o demanden e que cumpran os requisitos, e darán resposta á demanda da cidadanía galega por perfeccionar os coñecementos en linguas estranxeiras. Así o explicou o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, durante o acto de peche das VI Xornadas de Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia, que se celebraron os días 28 e 29 de setembro baixo o título ‘As Escolas Oficiais de Idiomas cara a un modelo sostible de formación en linguas’, no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela.

Con esta nova oferta o departamento educativo da Xunta de Galicia volve favorecer o acceso das galegas e galegos en igualdade de oportunidades ás ensinanzas de linguas estranxeiras, cubrindo ademais unha demanda crecente, en especial de quen xa posúen o nivel B2 e desexen mellorar as súas competencias lingüísticas no marco dun mundo globalizado e dun mercado laboral cunhas maiores esixencias no que atinxe ao coñecemento de idiomas.

As EEOOII, máis alá das ensinanzas regradas

Por outra banda, Vázquez Abad salientou a colaboración das EEOOII na difusión e aprendizaxe do galego, “impartindo formación destinada á obtención da acreditación en linguaxe administrativa ou na preparación para a obtención dos certificados CELGA”.

Así mesmo, e máis alá das ensinanzas regradas, as Escolas Oficiais de Idiomas ocúpanse tamén da formación do profesorado, coa oferta de cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC) en inglés e francés, en colaboración co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).

Ademais, Vázquez Abad quixo destacar o labor realizado polos grupos constituídos de probas de certificación e dos que están a desenvolver proxectos innovadores nas distintas escolas. Neste sentido sinalou, ademais, que actividades formativas como estas xornadas son mostra do interese e do compromiso de todos os profesionais participantes.

Obradoiros e actividades programadas

Polo demais, no transcurso das xornadas, que contaron ademais coa participación do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López, celebráronse 15 obradoiros dirixidos por profesionais das distintas escolas da comunidade. A conferencia plenaria inicial, ‘Do MCERLa aula e viceversa: unha proposta para delimitar os niveis de competencia’ foi impartida por Vincent Folny, integrante do Centre International d’Études Pédagogiques’. Durante o transcurso das xornadas, Vincent Folny destacou “o alto nivel dos equipos de certificación das escolas oficiais de idiomas en Galicia”.

A primeira xornada acolleu, ademais, 10 conferencias baixo títulos como ‘O emprego de aulas virtuais nas escolas oficiais de idiomas’, impartida por Victoria Penide, do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI); ‘A formación a distancia nas ensinanzas de idiomas de réxime especial’, na que participou Marcelino Arrosagaray, do Servizo de Idiomas do Goberno de Navarra; ou ‘Formatos de tarefas de comprensión: especificación á realización final. Aplicación práctica’, dirixido por Carmen Maciñeiras Montero, da Escola Oficial de Idiomas da Coruña.

Para a mañá de hoxe, organizáronse outros 5 obradoiros relacionados. O primeiro, desenvolvido tamén por Carmen Maciñeiras, denominouse ‘Tarefas de expresión: da redacción de tarefas á estandarización dos criterios de corrección. Aplicación práctica’. Isabel de la Cruz, da EOI de Santiago de Compostela, dirixiu o obradoiro ‘Edición de audio con Audacity’ e, posteriormente, Mª Luisa Deus e Mª Carmen de la Fuente, das EOI da Coruña e de Santiago dirixiron a actividade sobre os cursos para os sectores profesionais do comercio e do audiovisual’. As conferencias ‘A formación permanente do profesorado’, de man de Mª Teresa Rey e Juan José Lago, do CAFI; e ‘Novas tecnoloxías aplicadas ao ensino das linguas estranxeiras’, presentada por Marco Vélez, do EOI da Coruña, pecharon este ciclo de obradoiros.

Tras a intervención esta mañá do conselleiro, desenvolveuse a mesa redonda ‘As escolas oficiais de idiomas ante as novas demandas en formación en linguas’, na que participaron Susana Aldao Linares, Carmen Maciñeiras, Juan José Lago e Rubén Barderas.