A Consellería de Cultura e Educación presenta en San Sebastián Códices, a próxima exposición da Cidade da Cultura

O secretario xeral de Cultura deu a coñecer na Casa de Galicia en San Sebastián a mostra, que definiu como “un proxecto expositivo irrepetible que reúne doce xoias da produción documental da Igrexa durante a Idade Media”

Anxo Lorenzo viaxou á capital guipuscoana para apoiar o audiovisual galego no LX Festival Internacional de Cine de San Sebastián

Mar, 25/09/2012 - 19:30

A nova exposición da Cidade de Cultura de Galicia, Códices. Xoias das catedrais galegas na Idade Media, foi presentada esta tarde na Casa de Galicia en San Sebastián, nun acto que estivo presidido polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Co obxectivo de difundir esta excepcional mostra fóra de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deu a coñecer en San Sebastián este proxecto expositivo, que será inaugurado no Museo Centro Gaiás o xoves 27 de setembro.

A presentación correu a cargo do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen cualificou a mostra como “unha exposición irrepetible con doce xoias da produción documental da Igrexa na Idade Media que se lle amosan ao público en todo o seu esplendor”.

Segundo explicou Anxo Lorenzo, que estivo acompañado polo presidente da Casa de Galicia, José Ramón Varela, “a exposición ofrece un percorrido polo coñecemento e o gozo do noso patrimonio; unha oportunidade única para se achegar a doce dos grandes tesouros librescos da Galicia medieval, doce pezas que de maneira excepcional chegan á Cidade da Cultura procedentes dos arquivos da catedrais galegas, onde foron conservados durante séculos”.

A Cidade da Cultura acolle con esta mostra os tesouros bibliográfico-documentais dascatedrais de Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago e Tui, “xoias que a Igrexa leva séculos custodiando e que amosan a riqueza cultural e o esplendor dos séculos medievais na Península Ibérica”, asegurou o secretario xeral.

Unha mostra única

Códicestamén explora unha época dun grande esplendor artístico, cultural e patrimonial como é a Idade Media.Trátase, polo tanto, segundo declarou Anxo Lorenzo, “dunha mostra única polo valor incalculable das pezas que reúne, nunca ata agora expostas xuntas, pero igualmente polo tempo da historia de Galicia ao que nos transporta”.

A exposición propón un convite a retroceder ao tempo dos pergamiños, das miniaturas, dos manuscritos e da chegada da imprenta a Galicia; unha viaxe polas principais mostras de códices e libros medievais entre os séculos X e XV, con exemplares únicos en Europa, como o Códice Calixtino e os diversos tombos, o primeiro libro impreso en Galicia, caso do Misal Auriense, ou magníficas copias miniadas, como a Legenda Maior ou o Pasionario Tudense.  

A Cidade da Cultura acollerá o xoves 27 de setembro a inauguración da mostra, que poderá visitarse no Museo Centro Gaiás.

Apoio ao audiovisual galego no festival de cine donostiarra

A Consellería de Cultura e Educación está presente no LX Festival Internacional de Cine de San Sebastián para apoiar as producións galegas Los increíbles e Operación E, seleccionadas respectivamente para competir nas prestixiosas seccións Nuevos Directores e Zabaltegi, paralelas á Sección Oficial.

O secretario xeral de Cultura participou este mediodía no acto de promoción do cine galego celebrado no edificio do Kursaal e que foi organizado através da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). Logo do encontro desta tarde con representantes de ANCINE (Agência Nacional de Cinema do Brasil), Anxo Lorenzo ten previsto asistir, ás 21:30 horas, ao pase do filme Operación E, que se amosa dentro da sección Zabaltegui-Especiales, concibida polos organizadores do festival para acoller unha selección de propostas moi variada, sen distincións de normas, xéneros ou duracións e nas que prevalece un alto interese cinematográfico.

Menús News node R

Tema