‘Querido Balbino,1961-2011. 50 anos de memorias dun neno labrego” chega á Laracha da man de Cultura e Educación

O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe na localidade bergantiñá a exposición coa que a Xunta lle rende tributo a unha das figuras máis emblemáticas da literatura galega

O escritor Xosé Neira Vilas mantivo un encontro con estudantes laracheses para achegarlles a súa vida e a súa obra

Mar, 25/09/2012 - 12:40
 O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe na localidade bergant
O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe na localidade bergantiñá a exposición coa que a Xunta lle rende tributo a unha das figuras máis emblemáticas da literatura galega

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, desprazouse hoxe á Laracha para facer un percorrido pola mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego”, que se pode visitar desde hoxe no baixo da Biblioteca Municipal larachesa, ata o vindeiro 4 de outubro.

O Concello bergantiñán acolle así a exposición itinerante promovida polo departamento que dirixe Xesús Vázquez co obxectivo de ofrecerlle á cidadanía galega un percorrido pola vida do autor da obra, Xosé Neira Vilas, e mais un achegamento de primeira man á traxectoria do libro máis lido da literatura galega, Memorias dun neno labrego. A mostra chega á Laracha por medio da colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Concello, que pertence á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.

No acto participaron, canda García Gómez; o xefe territorial de Cultura e Educación na provincia da Coruña, Indalecio Cabana; o alcalde, José Manuel López Varela e a concelleira de Cultura e Educación, Patricia Bello. Tamén contou coa presenza do escritor e autor da obra, o académico da lingua galega Xosé Neira Vilas.

Encontro de Neira Vilas con escolares

Logo do percorrido pola mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego”, celebrouse na Casa da Cultura un encontro de estudantes dos centros laracheses IES Agra de Leborís e mais do CEIP Alfredo Brañas con Neira Vilas, no que os participantes tiveron ocasión de falar con el arredor da súa obra e dos protagonistas das pezas que a conforman, nomeadamente Memorias dun neno labrego e mais o coñecido Balbino.

O escritor leva percorrendo os centros de ensino de Galicia dende o ano 1992 para dar a coñecer as Memorias dun neno labrego entre as nenas e os nenos galegos. Durante os encontros, escritor e alumnado intercambian impresións sobre Balbino, a personaxe principal do libro. Amais, o alumnado adoita entregarlle ao escritor algúns traballos realizados por eles mesmos, como poden ser debuxos ou cartas, inspirados nas experiencias vitais do neno protagonista.

50 anos de Memorias dun neno labrego

O ano pasado fixo medio século desde a primeira publicación de Memorias dun neno labrego (Bos Aires, 1961), a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas. Mostra disto é que na actualidade estea dispoñible en 17 idiomas e preparándose a edición en xaponés. Entre as adaptacións teatrais que se teñen feito dela destaca unha representación en México, na península de Iucatán, primeiro en castelán e posteriormente en maia, na que Balbino se presentou coma un neno indio.

Contidos da exposición

‘Querido Balbino’ articúlase en torno a dous eixos que guían ao espectador a  través dun túnel de vitrinas. Dun lado, aparece representada a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos relevantes da súa biografía. Doutro, diversos documentos e materiais amosan o periplo seguido polo propio libro e polo protagonista. Así, a mostra lembra as edicións, as adaptacións teatrais e audiovisuais que tomaron como referencia Memorias dun neno labrego -da que se levan sacado do prelo máis de 600.000 exemplares a día de hoxe- e conta cunha parte audiovisual na que se proxecta un documental sobre Balbino.

A mostra-homenaxe presenta tamén trece obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego, concretamente de Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Damian Paio, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias entre outros. A visita inclúe un catálogo explicativo ilustrado por comentarios aparecidos ao longo destes 50 anos de vida da obra e exhibe un documento único: a Carta a Balbino que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario.

O catálogo explicativo da exposición pódese descargar no enlace web http://www.xunta.es/c/document_library/get_file?folderId=346894&name=DLFE-10916.pdf.

Achegarlle as letras galegas á cidadanía

A exposición fai parada na Laracha tralo seu paso -desde abril de 2011- polas bibliotecas nodais e museos de Galicia e mais por localidades como Celanova, Verín, Lalín, A Estrada, Ponteceso, Betanzos ou Ribeira. A través da súa itinerancia, a consellería de Vázquez Abad quere seguir dinamizando a lingua a través das nosas letras e tamén impulsar o gusto pola lectura entre a cidadanía, nomeadamente entre as persoas máis novas, redescubrindo a que xa é unha das pezas máis emblemáticas da literatura galega.

Menús News node R