Os centros educativos de secudaria e ensinanzas de réxime especial inician o curso académico nas catro provincias galegas sen incidencias

Máis de 145.500 estudantes comezaron hoxe as actividades lectivas, arredor de 700 matriculados menos a ESO e o Bacharelato que no curso pasado

O conselleiro de Cultura e Educación xunto ao xefe territorial de Coruña comprobaron a ausencia de incidencias nos IES de Sar e o Antonio Fraguas, ambos en Santiago

Lun, 17/09/2012 - 14:14

Máis de 145.500 estudantes comezaron hoxe con total normalidade as clases nos centros de educación secundaria e de ensinanzas de réxime especial nas catro provincias galegas, na educación secundaria obrigatoria, bacharelato, ensinanzas artísticas, deportivas e ensinanzas para adultos.

Unha ausencia de incidencias da que deron conta o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o xefe territorial na Coruña, Indalecio Cabana, que estiveron a percorrer a instalacións e a falar cos equipos directivos dos IES de Sar e Antonio Fraguas, ambos en Santiago de Compostela.

Tan só no IES As Mariñas (en Betanzos, A Coruña) se produciu unha avaría na alimentación eléctrica, que non impediu a presentación das clases. En calquera caso a Consellería xa traballa para solucionar esta avaría, e instalará un xerador no centro para que mañá a actividade lectiva se desenvolva con total normalidade.

Tras a tranquilidade que caracterizou a volta ás aulas do alumnado de infantil e primaria o pasado día 12, e o regreso ás clases en secundaria hoxe, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere agradecer a colaboración e implicación da comunidade educativa galega, que curso a curso traballa para que o regreso ás clases tras o período estival se produza sen ningún tipo de incidencia

Menos matriculados en ESO e Bacharelato

Este curso 2012/2013 arrinca con case 700 matriculados menos en ESO e Bacharelato, 86.676 e 31.194 estudantes, respectivamente. Tamén se rexistra un descenso no número de alumnos nas ensinanzas regradas de música, que acadan 8.185 matriculados, fronte aos 8.147 do curso pasado. Así mesmo, diminúe lixeiramente o número de estudantes de ensinanzas superiores de deseño e de conservación e restauración de bens culturais, 53 fronte aos 59 do curso anterior.

Por outra banda, este ano increméntanse o número de alumnas e alumnos en ensinanzas regradas de danza, de arte dramática, de artes plásticas e deseño e deportivas, en total 63 alumnos máis nestas 4 disciplinas.

Nas vindeiras semanas coñeceranse os datos de matriculación do alumnado de ciclos de Formación Profesional e Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI), onde tamén arrincou hoxe o curso sen incidencias, unha vez remate o prazo de matriculación de alumnas e alumnos na segunda adxudicación do período extraordinario de admisión.