A Consellería de Cultura e Educación e mais a Deputación da Coruña achegan ‘Redecinema’ a Ferrol

‘Vilamor’ será proxectado, en formato de cinema de verán, este venres na Praza da Constitución do concello coruñés

O presidente da Rede, Valentín García recordou que este programa se leva a cabo na provincia grazas ao apoio da Deputación da Coruña

Redecinema chega a 40 localidades pertencentes a Rede de Dinamización Lingüística

Mar, 04/09/2012 - 12:20
A Consellería de Cultura e Educación e mais a Deputación da Coruña
A Consellería de Cultura e Educación e mais a Deputación da Coruña achegan ‘Redecinema’ a Ferrol

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística e presidente da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), Valentín García, presentou hoxe en Ferrol Redecinema, no marco da que chegará a este concello o filme Vilamor,que será proxectado este venres á noite na Praza da Constitución

No acto de presentación, que tivo lugar nas dependencias na Casa do Concello  ferrolán participaron, canda Valentín García, o director de Vía Láctea Filmes e de Vilamor, Ignacio Vilar, e mais un dos actores de dito filme, Paulo Serantes. O secretario xeral estivo acompañado polo alcalde da localidade, José Manuel Varela, e polo deputado provincial Miguel de Santiago.

Compromiso das administracións coa promoción do idioma

Durante a presentación, o secretario xeral de Política Lingüística recordou que “a Rede de Dinamización está ao servizo de todas as entidades que integran para facer chegar, desde elas, o galego a todos os espazos e a todos os ámbitos, a través de iniciativas que teñen como destinataria á cidadanía”. García Gómez fixo fincapé en que “Redecinema é un proxecto pensado desde e para a Rede de Dinamización Lingüística, co que ademais de dinamizar a lingua galega, a propia Rede aposta nesta ocasión pola produción audiovisual galega feita no idioma de noso, e faino decididamente”.

Redecinema en 41 localidades da RDL

Cómpre recordar que Redecinema chega a este concello, pertencente a RDL, grazas á colaboración da Deputación da Coruña e mais da Secretaría Xeral de Política Lingüística para levar un programa estival de dinamización lingüística ás localidades coruñesas de Ames, Arteixo, Betanzos, Boiro, Cee, Curtis, Ferrol, Fisterra, Melide, Muros, Oleiros, Ortigueira, Padrón, Ponteceso, Santiago de Compostela ,Teo e Zas.

 

Canda a estas, Redecinema chega, desde o pasado mes, a outras 24 localidades galegas pertencentes a RDL. En todas elas proxéctaseVilamor, ofilme rodado en Galicia e en galego, que se estreou en Ourense con motivo das Letras Galegas 2012 e que está a recibir numerosos recoñecementos desde o eido das artes escénicas.

Con Redecinema, as proxeccións de Vilamorson de balde, están destinadas a todos os públicos e están a ter lugar, preferentemente -sempre que as condicións metereolóxicas o permitan- ao aire libre durante os seráns de setembro nos concellos da RDL, baixo o formato de cinema de verán, do mesmo xeito que xa se puido ver en numerosos concellos durante o mes de agosto.

Toda a información e mais o calendario de proxeccións están dispoñibles en www.xunta.es/linguagalega/redecinema.

Apoio e promoción do audiovisual desde a RDL

Os obxectivos cos que a Xunta de Galicia e as deputacións da Coruña, Pontevedra e Ourense, desenvolven este novo programa, entroncan cos recollidos no Plan xeral de normalización da lingua galega, que aspira a promover a creatividade con base en galego e mais a aumentar a oferta de produtos de cultura e de ocio na nosa lingua. En especial, para promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer; para visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos; para potenciar artistas e dinamizadores galegos, e mais para favorecer a incorporación do galego á programación das actividades estivais realizadas nos concellos.

Menús News node R