Máis de 8.200 visitantes avalan o éxito da mostra 'Confluencias' que este domingo clausura Cultura e Educación na Casa da Parra

A mostra, que propón un diálogo entre a produción pictórica de Jaime Quessada e a do seu fillo, Xaime Quesada Blanco, ampliou a súa estadía en Santiago tralo éxito de público rexistrado

Está previsto que se converta en exposición itinerante durante 2013

Unha selección da obra recente do pintor Vítor Mejuto e con comisariado de David Barro ocupará a Casa da Parra a partir de mediados de setembro

Mar, 28/08/2012 - 14:09
Cartel da exposición
Cartel da exposición

A exposición Confluencias. Jaime Quessada/Xaime Quesada Blanco, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén aberta desde o pasado mes de abril na Casa da Parra de Santiago, entra na súa última semana de exhibición cun balance que supera xa os 8.200 visitantes. A importante acollida rexistrada desde a súa inauguración motivou a ampliación da súa estadía en Compostela a catro meses e medio, ao tempo que o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad estivo a traballar na configuración do seu percorrido por diferentes espazos museísticos dentro e fóra de Galicia durante 2013.

Confluencias, que pode visitarse ata este domingo día 2,­ideouse como un diálogo entre a obra pictórica de Jaime Quessada (1937-2007) e a do seu fillo, Xaime Quesada Blanco (1975-2006), propoñendo unha reflexión sobre os puntos de encontro entre ambas producións a raíz dos fortes vínculos afectivos e artísticos entre os dous creadores ourensáns. Contouse para este fin coa achega de María Jesús Blanco, viúva e nai dos artistas, quen exerceu de comisaria da mostra xunto a Pilar Corredoira, coordinadora de Exposicións da Casa da Parra.

Pinturas, debuxos e un documental

Procedentes do Parlamento de Galicia e da Fundación Xaime Quesada Blanco de Ourense, que atesoura a meirande parte do legado de pai e fillo, as 32 obras que se exhiben nesta mostraforon realizadas a partir de finais da década dos setenta no caso de Jaime Quessada e desde mediados dos noventa, no de Xaime Quesada Blanco, describindo en conxunto un argumento creativo que ten como eixo central o universo persoal e artístico compartido por ambos.

O percorrido complétase cun documental duns vinte minutos de duración realizado a partir de material audiovisual inédito e entrevistas concedidas a Televisión de Galicia por cada un dos artistas. O documental constrúese a partir das súas diferentes opinións arredor da arte contemporánea, os seus referentes, formación e apostas estéticas e formais.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria editou, así mesmo, un catálogo de 160 páxinas con imaxes e fichas dunhas setenta obras –incluídas as expostas–, así como con textos biográficos e estudos críticos asinados por Darío Villanueva, académico e secretario da Real Academia Española; X. Antón Castro, crítico de arte; e Pilar Corredoira, comisaria de Confluencias.

De acceso gratuíto, a mostrapode visitarse na Casa da Parra en horario de mañá e tarde ata este sábado (de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00) e durante a mañá do domingo (de 11.00 a 14.00 horas).

Brión Boogie Woogie

Unha vez clausurada Confluencias, a Casa da Parra acollerá os traballos de montaxe da súa próxima exposición que, baixo o título Brión Boogie Woogie, reunirá unha selección da obra recente do pintor galego Vítor Mejuto. Con comisariado de David Barro, a mostra achegará ao público algunhas das obras máis significativas na súa traxectoria pictórica, que pode enmarcarse dentro da tradición da chamada abstracción xeométrica e está baseada nunha caligrafía persoal que ten como principais referencias o método, o cálculo e a intuición.

Aínda que nacido en Barcelona en 1969, Vítor Mejuto vive en Galicia desde a súa infancia. Estudou na Facultade de Belas Artes de Salamanca e desde 1995 as súas creacións teñen sido obxecto dunha vintena de exposicións, tanto individuais como colectivas, dentro e fóra de Galicia.

Na actualidade vive no concello de Ames e traballa en Brión, de aí o título da exposición que acollerá a Casa da Parra. Ademais da súa traxectoria artística como pintor, Vítor Mejuto dedícase profesionalmente ao xornalismo gráfico.