Trinta agrupacións disputan a fase final da XXII Liga Galega de Bandas de Gaitas, coa que colabora a Consellería de Cultura e Educación

No certame participan agrupacións das catro provincias galegas, de Asturias, de Cataluña, de Castela e León, de Madrid e mais de Portugal

Sáb, 28/07/2012 - 10:08

Trinta agrupacións disputan hoxe a fase final da XXII Liga Galega de Bandas de Gaitas, nun encontro que se celebra no Lalín Arena e que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Bandas das catro provincias galegas, de Asturias, de Cataluña, de Castela e León, de Madrid e de Portugal participan nesta fase final do concurso, en catro categorías distintas.

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, colabora coa Asociación Galega de Bandas de Gaitas no desenvolvemento desta iniciativa, polo valor patrimonial da gaita na nosa tradición cultural, non só no eido musical, senón tamén como elemento de cohesión e dinamización social, arredor da que se teñen organizado festas e eventos para todo tipo de públicos ao longo dos anos en Galicia.

Así mesmo, a Consellería valora moi positivamente a implicación da xente nova nestas agrupacións musicais, que contribúen de forma significativa á recuperación das tradicións galegas máis senlleiras. Por outra parte, cómpre sinalar o importante papel que estas bandas de gaitas teñen na difusión da cultura galega, tanto no territorio español como máis aló das nosas fronteiras, do que é exemplo a participación doutras comunidades neste certame.

A primeira fase da Liga Galega de Bandas de Gaita celebrouse o pasado mes de marzo na cidade de Santiago de Compostela, onde se deron cita máis de 2.000 gaiteiros e gaiteiras.

Menús News node R

Tema