A Consellería de Cultura e Educación patrocina con máis de 25.600 euros o festival Brincadeira Rock de Cambre, que reunirá do 9 ao 12 de agosto a 87 artistas

O evento obtivo a mellor valoración e a maior contía dentro das axudas á celebración de festivais galegos de música que acaba de conceder a Agadic

Serán máis de 70 horas de música ás que contribuirán desde dous escenarios simultáneos bandas tan míticas como Status Quo, Medina Azahara ou Calle 13

Ven, 27/07/2012 - 14:30
Presentación do festival Brincadeira Rock
Presentación do festival Brincadeira Rock

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria patrocina cun total de 25.615 euros o festival Brincadeira Rock de Cambre, que se celebrará na localidade coruñesa do 9 ao 12 de agosto coa participación de máis de 87 artistas que ofrecerán un total de 70 horas de música.

A cita deste ano, que contra ademais con outros apoios públicos e privados, supón a unión de dous eventos musicais de relevancia: o VI Brincadeira Festival, que se viña celebrando en Ordes, e o XXI Rock In Cambre. A suma das dimensións e traxectorias de ambas convocatorias no Brincadeira Rock In Cambre 2012 resultou adxudicataria da maior contía concedida pola Consellería a través das axudas da Axencia Galega das Industrias Musicais (Agadic) para a celebración de festivais de música en Galicia.    

Os contidos e calendario de actuacións que inclúe a edición 2012 do Brincadeira foron presentados hoxe nun acto que contou coa participación do alcalde de Cambre, Manuel Rivas Caridad, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero; o concelleiro de Cultura, Santiago Ríos Rama; e Julio Neguerela codirector da productora Iceberg, organizadora do evento.

Rivas Caridad indicou que a fusión de Brincadeira Festival coa XXI edición de Rock in Cambre dá lugar ao maior festival da historia na área da comarca das Mariñas. Resaltou a forte aposta que supón esta colaboración, posto que é unha acción encamiñada a dinamizar a economía de Cambre e a súa área metropolitana, xa que se agarda unha afluencia de en torno a 50.000 persoas que, ademais de gozar do evento, consumirán na cidade. Pola súa banda, Juan Carlos F. Fasero fixo fincapé en que dende Agadic tense en conta, por suposto, a importancia cultural do evento a apoiar, pero tamén o seu valor industrial. E neste caso, Brincadeira Rock in Cambre Festival agrupa todos os requisitos para converterse nun faro, nun evento de gran envergadura que servirá para consolidar a presenza e potencia cultural de Galicia dentro e fóra da Comunidade.

Macrofestival galego

Brincadeira Rock In Cambre artéllase como un macrofestival de produción galega, no que se dispón unha ampla zona de acampada próxima aos dous escenarios que funcionarán simultaneamente e desde os que as bandas participantes emitirán 16 horas de directos ininterrompidos durante a segunda fin de semana de agosto.

Status Quo, Calle 13, Tito&Tarantula, Mad Sin, The Grit, Sôber ou Medina Azahara son algunhas das formacións que participarán no festival, nun amplo programa no que tamén están presentes as formacións musicais galegas (Zënzar, Herdeiros da Crus, Quempallou, Ruxe Ruxe, Arremecághona…) e que se complementa cun Área de Música Electrónica, Soundsystem, DJ’s e Mc’s, unha mostra de artesanía, proxeccións e performances.

Nesta VI edición, Brincadeira conta cunha extensa zona natural de acampada situada nun área recreativa de descanso de cen mil metros cadrados no contorno do Río Mero e dotada con todos os servizos.

Menús News node R

Tema