Cultura e Educación participa na presentación do libro de artigos sobre industrias culturais “Economía de la Cultura y la Comunicación en la Era Digital”

A edición, promovida polo Laboratorio Permanente de Industrias Culturais, recolle os textos que 32 investigadores europeos e iberoamericanos achegaron ao I Foro INDCREA, celebrado en San Simón en setembro de 2011

O director da Agadic e o secretario do Consello da Cultura Galega compartiron a presentación desta compilación internacional sobre o potencial económico do sector

O volume está coordinado polos profesores universitarios galegos Valentín Alejandro e Fernando Salgado; e terá difusión en España e Iberoamérica

Ven, 27/07/2012 - 14:19

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu hoxe a presentación do libro “Economía de la Cultura y la Comunicación en la Era Digital”, unha edición europea e iberoamericana promovida polo Lapic (Laboratorio Permanente de Industrias Culturais) na que se recollen as 32 investigacións presentadas no marco do I Foro Internacional INDCREA, organizado o pasado ano pola Consellería de Cultura e Educación xunto co Consello da Cultura Galega.

O devandito encontro celebrouse en setembro do pasado ano na illa de San Simón baixo o epígrafe “Galicia e as Industrias Culturais e Creativas diante da Axenda 2010”, como actividade fundacional do Lapic.  Seguindo este eixo temático, os expertos participantes abriron novos espazos de reflexión e investigación sobre os escenarios de futuro deste sector e analizaron as estratexias orientadas á xeración de riqueza, valor engadido e emprego.

As súas reflexións, estudos e investigacións que quedan reunidos baixo o título que foi presentado hoxe polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos F. Fasero; e polo secretario do CCG, Xosé López García, por parte das dúas entidades impulsoras do Lapic. No acto interviñeron tamén os coordinadores deste volume: Fernando Salgado, profesor da Universidade de Santiago de Compostela; e Valentín Alejandro Martínez, profesor da Universidade da Coruña.

Estratexias aplicables a Galicia

Tanto o vicepresidente do CCG como o director da Agadic puxeron en valor a importancia de plasmar nun libro as enriquecedoras achegas dos integrantes do proxecto INDCREA, nas que se recollen estratexias con grande potencial para a súa aplicación en Galicia e se dan a coñecer numerosos datos que permiten acadar unha visión máis global e detallada sobre as características da industria cultural en xeral e as particularidades do sector na nosa Comunidade.

Destacaron, ademais, a vocación internacional desta obra, xa que a edición iberoamericana e europea, con textos en galego, español, portugués e francés,  facilita a súa distribución en numerosos países, con especial atención aos mercados de fala hispana e lusófona.

A edición correu a cargo da casa iberoamericana Media XXI, especializada na publicación de traballos científicos e de investigación centrados en comunicación e industrias culturais, que conta con implantación e distribución desde España, Portugal e Brasil.

Catro apartados

Con respecto aos contidos do libro, os coordinadores explicaron que o volume, moi heteroxéneo pola diversidade de asuntos que aborda, está estruturado en catro grandes apartados que fan referencia ás industrias creativas e da comunicación no marco da Axenda 2020, á xestión estratéxica e aos modelos de negocio vinculados ás redes e ás TIC, as oportunidades e riscos que comporta a sociedade dixital e as análises sectoriais que deben servir de base para afrontar os desafíos de futuro.

En conclusión, os profesores sinalaron que con esta aportación trátase de afondar máis na análise das coordenadas, a natureza específica e as consecuencias dun fenómeno tecnolóxico-cultural que se sitúa no epicentro da radical transformación que experimenta a sociedade actual.

A obra lembra ademais a importancia económica das industrias culturais como catalizadoras da creatividade e a innovación; e pola súa contribución ao crecemento e ao emprego.

Proxecto INDCREA

O foro INDCREA, que acaba de validar a súa continuidade coa súa recente segunda edición do 17 ao 19 de xullo PASADOS, é unha iniciativa que se desenvolve co obxectivo de establecer un marco de traballo para impulsar o máximo desenvolvemento do sector das industrias culturais, tal como coinciden en afirmar todos os estudos recollidos en “Economía de la Cultura y La Comunicación en la Era Digital”.

Organizado por parte da Consellería a través da Agadic e da Fundación Illa de San Simón, o proxecto INDCREA ten como obxectivo analizar e atopar novas fórmulas (a través do debate, a reflexión e mesmo a investigación) que permitan enfrontar con éxito os desafíos de futuro das industrias culturais e creativas, un sector estratéxico en Galicia non só polo seu capital artístico senón tamén pola importancia do tecido produtivo relacionado, cunha gran capacidade de xeración de emprego e de resistencia á crise económica.

 

Menús News node R

Tema