Cultura e Educación colabora coa Fundación ECCA para facilitar á cidadanía galega o acceso á formación ao longo da vida
A consellería asinará unha nova addenda ao convenio para a formación de adultos para a obtención do graduado en ESO
A metodoloxía usada, con emisións radiofónicas de clases, axuda a achegar a educación ás persoas que, por diversas circunstancias, non poden asistir ás clases de forma habitual
O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura da addenda do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación ECCA na formación de persoas adultas para a obtención do título de graduado en educación secundaria. Este acordo supón dar continuidade a unha colaboración que se vén desenvolvendo desde o ano 2005, e que favorece a formación das persoas ao longo da vida, co fin de que poidan acadar mellores oportunidades no mundo laboral.
Deste xeito, a Consellería de Cultura e Educación destina nove profesores á atención do alumnado que se apoia na metodoloxía propia da Fundación ECCA -baseada nas emisións radiofónicas- para a obtención do devandito título, básico no sistema educativo actual. Cómpre salientar que esta metodoloxía resulta especialmente útil para aquelas persoas que viven en zonas xeograficamente illadas ou traballan en horarios que lles impiden a asistencia habitual ás clases nun centro ordinario de educación de adultos.
A Fundación ECCA, que ten como obxectivo fundamental a promoción cultural e a elevación da formación humana das persoas, vén inscribindo máis de medio millar de persoas adultas de Galicia nas actividades de preparación para as probas de graduado en secundaria.
De feito, no curso que acaba de rematar inscribiu 796 824 persoas adultas de Galicia nas actividades de preparación para as probas de graduado en secundaria, que se apoiaron na metodoloxía e no material didáctico deseñado por ECCA, tanto escrito como audiovisual, para esa preparación. Ademais, puxéronse á disposición destas alumnas e alumnos clases radiofónicas e presenciais establecidas
Materiais e docencia
Ao abeiro desta addenda Fundación ECCA porá á disposición do alumnado o material didáctico necesario para o seguimento da súa metodoloxía, concretamente libros e os seus correspondentes CD, e fotocopias das orientacións nas cales se recollen exercicios semanais por materias. Ademais, ECCA comprométese a emitir as correspondentes clases, unha hora diaria de luns a venres entre outubro e maio, e unha hora diaria de luns a venres entre xullo e agosto para clases de repaso. Os estudantes poderán escoitalas desde a canle 96.5 FM,– con cobertura en todas as Rías Baixas-, ou ben acceder aos CD que a Fundación deberá repartir a quen non teña cobertura para estas emisións.
Pola súa banda, a consellería destinará nove profesores para atender este alumnado, orientalo, e gravar as clases que se emiten por radio. Ademais, estes docentes elaborarán os materiais escritos específicos que utilizan as persoas adultas que seguen estas ensinanzas.
Formación ao longo da vida
A colaboración con esta fundación ten como obxectivo impulsar a formación das persoas ao longo da vida, valéndose da capacidade dos medios de comunicación social –neste caso a radio- para chegar a todas as persoas, independentemente da súa situación xeográfica.
Así, a consellería dá resposta a un maior número de persoas adultas que precisan da devandita titulación, básica no sistema educativo actual. Por outra banda, o acordo supón ampliar a oferta educativa para as persoas adultas a través dunha modalidade de formación semipresencial que incorpora a radio como vehículo de transmisión de saberes e coñecementos.