Vázquez Abad participa no acto conmemorativo do 127 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro, en Padrón

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resaltou a universalidade da poesía desta autora e sinalou a necesidade de transmitir o esencial da súa obra

Dom, 15/07/2012 - 20:45
Vázquez a Abad participou no acto conmemorativo do 127 aniversario do pasamento
Vázquez a Abad participou no acto conmemorativo do 127 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro, en Padrón

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad participou hoxe no acto conmemorativo do 127 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro, celebrado na casa da Matanza, en Padrón.

Durante a súa intervención Vázquez Abad recordou a figura da poetisa da que sinalou que “é a muller símbolo de Galicia, a que destaca pola súa personalidade e pola súa obra, a que transcende máis alá das nosas fronteiras, a que nos universaliza, a que engrandece a Galicia. Por iso, por todo o que representa Rosalía de Castro, polo que significa, a nosa obriga é continuar difundindo a súa obra literaria en galego e castelán, especialmente a súa poesía, tan valorada universalmente, e manter o seu espírito vivo nesta casa da Matanza onde viviu e finou, tal día coma hoxe, o 15 de xullo de 1885, hai disto 127 anos”.

No acto tamén estiveron presentes os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, así como o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira Viturro. Entre as actividades que se desenvolveron incluíuse unha declamación da palabra de Rosalía realizada por Ana Blanco, entre outras actividades tamén Najla Shami foi a responsable de interpretar o himno galego con pezas musicar con letra de Rosalía de Castro.

Respaldo á Fundación

Cómpre recordar que esta mesma semana a Xunta, a través do seu presidente, Alberto Núñez Feijoo, trasladoulle ao presidente da Fundación a disposición do Goberno galego de seguir colaborando cos proxectos e iniciativas da Fundación que leva o nome dunha das autoras máis relevantes da historia literaria e cultural de Galicia. Un encontro no que tamén lle manifestou o apoio e a participación en todas as actividades que se van a levar a cabo en 2013 con motivo da celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, a obra que marca o Rexurdimento literario galego do século XIX.