A Consellería de Cultura e Educación ofrece obradoiros para os máis pequenos a través da biblioteca pública Ánxel Casal

As actividades ‘Libretas INperfectas’ xiran arredor da exposición ‘Nun mar de ideas de Ánxel Casal. Mergúllate nel’ mostra, que comeza mañá en Santiago

Os obradoiros, que terán lugar os días 16, 18, 20 e 24 de xullo, están dirixidos a nenos e nenas de 6 a 12 anos e neles poderán elaborar pezas relacionadas coa exposición

Dom, 15/07/2012 - 11:12
 biblioteca pública Ánxel Casal
Biblioteca Pública Ánxel Casal

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a exposición Nun mar de ideas de Ánxel Casal. Mergúllate nel, dentro do proxecto Biblioteca Participativa que ten en marcha a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago.

A proposta, presentada pola presidenta da Asociación Párkinson Compostela, Carme Guillin Gendre, está dirixida a nenos de entre 6 e 12 anos e incluirá os obradoiros complementarios Libretas INperfectas.

As actividades terán lugar os días 16, 18, 20 e 24 de xullo na sala infantil da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, onde os rapaces realizarán actividades nas que terán que elaborar manualmente pezas relacionadas co tema da exposición en tres xornadas distintas: Mergullámonos no fondo do mar, Imos coa merenda ou xantar e Xogos na praia.

A Biblioteca Participativa involucra a todos os pais e nais, e por extensión a familiares, profesores e usuarios para que participen activamente nas actividades que acolle a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Encádrase dentro da programación de actividades e contidos deste centro e os seus participantes cooperan de xeito desinteresado para compartir diferentes experiencias que axuden os nenos a aprender.