Cultura e Educación achega ao escritor James Joyce a Galicia a través dunha nova sesión do ciclo “Ceo das Letras”

A Cidade da Cultura viviu un debate sobre a figura do autor irlandés a cargo do escritor Bieito Iglesias; o presidente da Asociación Española James Joyce, Francisco García Tortosa; e o director de Amergin, Antonio Raúl de Toro

Nenos de 6 a 11 anos descubriron a Joyce a través dunha “odisea infantil” a cargo de Marta Ríos, Borxa Ínsua e María Lado, ideada por Berrobambán

“Galicia, Ceo das Letras” retomarase tras o verán, cun novo “sábado de autor” dedicado a Otero Pedrayo, o 20 de outubro

Sáb, 14/07/2012 - 13:08
Imaxe dunha sesión do ciclo Ceo das Letras, dedicado hoxe a James Joyce
Imaxe dunha sesión do ciclo Ceo das Letras, dedicado hoxe a James Joyce

Galicia, Ceo das letras, ciclo co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pretende renderlle unha homenaxe a grandes autores clásicos da literatura, saíuse hoxe das nosas fronteiras para celebrar a un dos máis sublimes escritores en lingua inglesa de todos os tempos: o irlandés James Joyce. Neste especial “sábado de autor”, no que estivo presente o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e baixo o título James Joyce. Da nosa veciñanza V, o departamento que dirixe Vázquez Abad achegoulle ao público a figura do escritor de pezas mestras como Dublineses, Retrato do artista cando novo, Finnegans wake ou a súa obra cumio: Ulises, emblema do modernismo literario e do que Otero Pedrayo acometeu unha das primeiras traducións a unha lingua ibérica.

Para disertar sobre Joyce, a Biblioteca da Cidade da Cultura contou coa presenza de tres grandes expertos da obra do autor irlandés: o escritor Bieito Iglesias, director do Centro Pen Galicia que apadriñou esta sesión; o catedrático de literatura inglesa da Universidade de Sevilla, Francisco García Tortosa, fundador e presidente da Asociación Española James Joyce e tradutor xunto a María Luisa Venegas do Ulises para a editorial Cátedra; e Antonio Raúl de Toro, catedrático de filoloxía inglesa da Universidade da Coruña e director do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses “Amergin”. Ademais dun breve relatorio no que se deron as claves sobre a obra de Joyce e mesmo a súa relación con Galicia, os tres expertos compartiron cos presentes un enriquecedor coloquio a tres bandas.

Proxección audiovisual e concerto

James Joyce. Da nosa veciñanza V contou tamén coa proxección de Dedalus en Compostela, unha pequena peza documental baseada nun relato de Vicente Risco escrito en 1929 e que reproduce unha conversa imaxinaria entre o escritor galego e Stephen Dedalus -personaxe de Finnegans Wake- e do propio Ulises, de paseo xuntos polas rúas de Compostela. Para completar esta cuarta edición de Galicia, Ceo das Letras 2012, a mezzosoprano Marion Sarmiento –profesora na ESAD de Vigo e integrante do orfeón Terra Nosa- e o pianista Nicasio Gradaille –integrante do Taller Atlántico Contemporáneo- interpretaron seis cancións do compositor estadounidense Samuel Barber (1910–1981) que poñen música a seis dos poemas da obra Chamber Music de Joyce.

Actividades para pequenos lectores

Galicia, Ceo das Letras conta este ano cunha sesión paralela na que os máis pequenos se introducen no mundo de cada un dos autores dunha forma lúdica e entretida. Para esta ocasión, Marta Ríos, Borxa Ínsua e María Lado déronlle vida a unha “odisea infantil” na Cidade da Cultura ideada por Berrobambán. Así, os pequenos participantes descubriron a Joyce e as historias de Ulises a través da busca dun tesouro seguindo as pistas agochadas no Gaiás ou aportadas polos diferentes protagonistas das obras do irlandés. Como en todas as edicións de Ceo das Letras Infantil, nesta aventura a aprendizaxe e a diversión serán a mesma cousa, misturando aventura con actividades lúdicas e educativas.

Con esta segunda edición de Galicia, Ceo das Letras, Cultura e Educación recupera un dos ciclos máis exitosos dos celebrados na Cidade da Cultura durante o 2011, combinando nesta ocasión un tributo especial á Xeración Nós coa conexión galega con escritores iberoamericanos e europeos. Deste xeito, coa de James Joyce continúase coas sesións dedicadas a talentos mundiais aos que nos unen a veciñanza, a lingua ou o mesto universo da imaxinación como Jorge Amado ou Federico García Lorca, tamén protagonistas desta edición.

Descanso estival

Coa sesión dedicada a James Joyce, o ciclo Galicia, Ceo das Letras interrompe o seu programa ata despois do verán. A vindeira sesión terá lugar o sábado 20 de outubro e estará dedicada ao gran patriarca das letras galegas: Ramón Otero Pedrayo. Para falar deste prolífico autor, figura central do galeguismo cultural e político, posuidor dunha cultura enciclopédica e fondo coñecedor da sociedade rural galega da época estará na Cidade da Cultura un dos maiores expertos na súa figura: Ramón Villares, ensaísta, catedrático de Historia Contemporánea e actual presidente do Consello da Cultura Galega. Ademais, contarase coa presenza de Víctor Freixanes, escritor e xornalista, membro da Real Academia Galega, director xeral de editorial Galaxia e presidente da Fundación Otero Pedrayo.

Tras o relatorio, a sesión Otero Pedrayo. Notario de todas as cousas contará coa representación teatral Fidalgo, obra baseada en diferentes textos de Otero Pedrayo a cargo da compañía Casa Hamlet. Fidalgo estará interpretada por Manuel Lourenzo e Rubén Espejo, co apoio musical de Brandán Lourenzo.

O prazo de inscrición para participar nesta nova sesión de Galicia, Ceo das Letras abrirase no mes de setembro. Recordamos que a actividade é de balde e para participar só é preciso reservar praza en www.cidadedacultura.org tanto na versión de adultos como para a infantil.

Menús News node R

Tema