A Consellería de Cultura e Educación reúnese co club Exxpopress de xornalistas de Galicia

Valentín García mantivo unha xuntanza cos membros da entidade para coñecer as iniciativas dinamizadoras que están a desenvolver nos ámbitos turístico, cultural e empresarial galegos

O secretario xeral da Consellería de Cultura e Educación clausurou a mostra ‘Crónica da monarquía española no século XX’, organizada en colaboración coa Xunta de Galicia

Ven, 13/07/2012 - 19:36
O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación
O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, Valentín García, na reunión co Club Exxpopress de Xornalistas de Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, Valentín García, reuniuse hoxe cos membros da directiva do Club Exxpopress de Xornalistas de Galicia, co fin de coñecer de primeira man os proxectos que está a desenvolver esta entidade coa finalidade de promocionar e dinamizar os ámbitos do turismo, a cultura e a empresa en Galicia. Na xuntanza, que tivo lugar nas dependencias da Casa da Cultura e da Xuventude Raquel Fernández Soler, participaron, canda o secretario xeral, o presidente do Club, Suso Souto, e mais o alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac V. Maceiras, así como outros membros integrantes da directiva.

Clausura de Crónica da monarquía española no século XX

Previamente á reunión, Valentín García participou na clausura da exposición Crónica da monarquía española no século XX, que reúne unha mostra de xornais históricos pertencente aos fondos do Club Exxpopress, e en cuxa organización colaborou a Xunta de Galicia.

Xornais de diversas cabeceiras conforman Crónica da monarquía española no século XX, que formula unha viaxe no tempo polos momentos históricos que marcaron o rumbo da monarquía en España: dende a coroación do Rei Afonso XIII en 1902 ata a morte de Don Xoán de Borbón en 1993 pasando pola proclamación da segunda república, a guerra civil, a ditadura, a transición á democracia, a tentativa de golpe de Estado do 23F etc.

A exposición leva percorridas desde a súa inauguración no mes de maio as cidades de Nova Jersey (EUA), Barcelona e Santiago de Compostela, así como as localidades da Estrada, Ribeira, Boiro, A Pobra do Carmiñal e Rianxo.

Club Exxpopress de Xornalistas de Galicia
O Club Exxpopress de Xornalistas de Galicia constitúe un colectivo sen ánimo de lucro creado e promovido principalmente por xornalistas de prensa, radio e televisión, que ten por obxectivo a organización de iniciativas de promoción e dinamización turística, cultural e empresarial de ámbito galego buscando nelas a implicación de diferentes institucións, empresas, colectivos e profesionais do sector da comunicación.

Menús News node R