Cultura e Educación recorda que o prazo de inscrición na xornada ‘Cultura e responsabilidade social empresarial’ remata mañá

A Cidade da Cultura de Galicia acollerá o 3 de xullo esta iniciativa, que ten aberto o prazo de inscrición ata mañá en www.cidadedacultura.org

Tamén neste sitio web xa están accesibles as conclusións do Encontro Internacional Economía e Cultura, outra das iniciativas promovidas pola Consellería para favorecer espazos de encontro e reflexión entre axentes do tecido cultural e empresarial

Dom, 01/07/2012 - 11:37
 Cultura e Educación recorda que o prazo de inscrición na xornada ‘Cultura e res
Cultura e Educación recorda que o prazo de inscrición na xornada ‘Cultura e responsabilidade social empresarial’ remata mañá

O debate e o intercambio de experiencias culturais dentro das actuacións de responsabilidade social empresarial (RSE) protagonizan a xornada Cultura e Responsabilidade Social Empresarial, que terá lugar o martes 3 de xullo na Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

A inscrición na xornada, organizada por falaRSE e promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ten como prazo ata mañá e pode realizarse no enderezo electrónico inscricion@falarse.com ou a través da web da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Profesionais e especialistas académicos na responsabilidade social empresarial daranse cita nesta xornada para analizar os lazos estratéxicos da cultura e da RSE, ademais de presentaren iniciativas e experiencias que actualmente se están a desenvolver en materia cultural desde os departamentos de responsabilidade social de diferentes empresas e institucións.

A xornada está dirixida a profesionais da RSE, así como a programadores culturais, técnicos de dinamización social e estudantes e persoas interesadas na análise dos vínculos entre RSE e Cultura. O contido do programa pode consultarse no sitio web http://www.cidadedacultura.org/cultural/seccion.aspx?Id=381.

Traballo conxunto entre a produción cultural e a RSE

Coa organización deste espazo de reflexión e intercambio de ideas e experiencias, a Secretaría Xeral de Cultura pretende favorecer vías de traballo conxunto entre a produción cultural e a responsabilidade social.

Eses novos lazos, aínda pouco desenvolvidos en Galicia, poden contribuír á mellor relación das empresas e das institucións co seu contorno social, tanto cando se favorecen desde o mecenado de proxectos de desenvolvemento cultural e creativo, como desde o emprego das manifestacións culturais como aliadas da inclusión social e do desenvolvemento social integral.

A xornada Cultura e Responsabilidade Social Empresarial enmárcase nas iniciativas que está a promover a Consellería de Cultura e Educación para favorecer espazos de encontro entre axentes representativos do tecido cultural e empresarial que impulsen a cooperación entre estes dous ámbitos.

Encontro Internacional de Economía e Cultura

Nesta mesma liña de traballo  tamén se inclúe o Encontro Internacional de Economía e Cultura, que se celebrou este ano na Cidade da Cultura de Galicia e cuxa memoria final xa está accesible en http://www.cidadedacultura.org/cultural/seccion.aspx?Id=247.

O documento inclúe as propostas para favorecer a alianza empresa-cultura a través da innovación, a creatividade e o empredemento presentadas durante o encontro, que se celebrou o pasado mes de febreiro e no que participaron 130 persoas procedentes do tecido cultural e empresarial, principalmente de Galicia, pero tamén doutras zonas como Madrid, Cataluña, Euskadi e Andalucía.

Menús News node R

Tema