O secretario xeral de Política Lingüística entrega os premios da VIII Edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

Ven, 29/06/2012 - 19:05
VIII Edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas
O secretario xeral de Política Lingüística entrega os premios da VIII Edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, entregou hoxe á tarde os premios da VIII Edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, convocados o pasado mes de marzo pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas en colaboración coa Xunta de Galicia.

No acto, que tivo lugar na Sala Baltar do Museo do Pobo Galego, participaron, amais de García Gómez, Xusto Beramendi, presidente da Fundación; Francisco Fariña, presidente do xurado e os coordinadores dos dous proxectos gañadores nas modalidades de primaria e secundaria, Xosé Antonio Viña e Manuela Campos, respectivamente. García Gómez destacou durante a súa intervención "a importancia da iniciativa na promoción do uso activo da lingua galega para a pescuda dos escolares arredor da cultura de noso".

O certame, ao que concorreron once proxectos presentados por outros tantos centros de ensino de Galicia, ten como finalidade favorecer o achegamento dos escolares ao patrimonio lingüístico e cultural galego.

Os proxectos gañadores nas modalidades de primaria e secundaria son "Fortes da Guerra de Restauración en Vila Nova de Cerveira e Tomiño, patrimonio inmaterial", do CEIP Pintor Antonio Fernández de Tomiño (Pontevedra) e "Outear", do IES Poeta Añón de Outes (A Coruña), respectivamente.

Os premios, dotados con 7000 euros cada un, posibilitarán a materialización de ambos os dous proxectos durante o vindeiro curso escolar 2012-2013, que se levará a cabo en coordinación co Museo do Pobo Galego. O propio Museo acollerá as dúas exposicións logo da súa realización

Menús News node R