Cultura e Educacion promove o cinema infantil en galego nos concellos da rede con ‘Galego de cine’

A actividade de dinamización lingüística proxecta curtametraxes en galego no interior dunha caravana adaptada como sala de cinema, tras o que os propios nenos participan como actores nun videomatón que se colga en Internet

O departamento dirixido por Vázquez Abad leva ‘FalaRedes’ durante estes días aos concellos de Padrón, Abegondo, Boqueixón, A Laracha, Ribeira e Rianxo

Ven, 29/06/2012 - 13:26
Cultura e Educacion promove o cinema infantil en galego nos concellos da rede co
Cultura e Educacion promove o cinema infantil en galego nos concellos da rede con ‘Galego de cine’

A Consellería de Cultura e Educación enche o tempo de lecer con “FalaRedes” nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da man da actividade Galego de cine. Neste caso, a iniciativa promovida desde a Secretaria Xeral de Política Lingüística en colaboración con Mr Misto Filmes recalará nos municipios de Padrón, Abegondo, Boqueixón, A Laracha, Ribeira e Rianxo.

Unha pequena caravana na que se poden ler en letras azuis o nome de “Galego de Cine” acollerá a unha vintena de cativos por sesión, que poderán visionar no seu interior  boa parte das curtametraxes infantís en galego que se producen na actualidade. E non falta detalle dentro do remolque, xa que foi remodelado con todo esmero para garantir a comodidade dos espectadores e a calidade da proxección.

Antes mesmo de acceder a esta particular sala de espectáculos, serán os pequenos, como en calquera cinema comercial, os que escollan entre unha extensa carteleira as películas que desexan ver. A continuación, e coas técnicas da sétima arte interiorizadas, participarán, introducidos polo “revisor das palabras”, nunha serie de dinámicas encamiñadas a comprender mellor a linguaxe audiovisual e interactuar en galego. Logo, os asistentes darán o salto á pantalla grande mediante un videomatón. Por diante da cámara terán que ir pasando cada un deles improvisando unha frase, de cuxa unión sairá unha nova curtametraxe. Se o tempo o permite, poderán convidar aos seus achegados a presenciar a estrea mundial da súa peza no interior da caravana antes de que rematen as tres horas de duración.

Por se queren compartir con máis xente a súa creación audiovisual, os máis pequenos terán ao seu dispor todos os vídeos na web  www.galegodecine.org, fomentando o uso do galego nas novas tecnoloxías. Ademais, cando remate o programa FalaRedes no mes de decembro, abriranse as votacións electrónicas para escoller a peza máis divertida e creativa. Os gañadores recibirán como agasallo o libro-DVD do Soldadiño de Chumbo, unha das curtametraxes que forman parte da carteleira.

Os contacontos e o hip hop volven en setembro

As outras dúas actividades que o programa de dinamización lingüística FalaRedes ten impulsado dende o mes de marzo volverán aos concellos da RDL a partir do mes de setembro.

Xa que logo, as historias d’O Señor das dunas, un espectáculo destinado a todos os públicos no que se mestura a narración oral dun contacontos coa ilustración con area dun deseñador gráfico, retomarán as actuacións despois do verán. Ao igual que a actividade Titerehop, destinada a público adolescente no que o rapeiro de Dios ke te Crew García MC e os monicrequeiros de Viravolta instruían aos rapaces na arte de compoñer cancións e construír monicreques.

Rede de Dinamización Lingüística

FalaRedes constitúe a primeira programación de actividades de promoción do idioma de Cultura e Educación para as entidades locais adheridas á RDL. A Rede é unha iniciativa da Xunta de Galicia que busca a asociación voluntaria de entidades con competencia na promoción do uso da lingua galega no ámbito local para efectivizar as iniciativas de difusión do galego. Os seus principais obxectivos son os de promover a colaboración, a cooperación e a coordinación das actuacións en materia de dinamización lingüística e o de optimizar os recursos dispoñibles.

Ata decembro desenvolveranse un total de 250 accións dinamizadoras da man de FalaRedes, que chegarán a un cento de municipios e que pretenden modernizar a idea de lingua a través da súa asociación coa modernidade e valores positivos.

Toda a información sobre FalaRedes e o seu calendario de actividades por concellos están dispoñibles no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e tamén nas redes sociais.

Menús News node R

Departamento