Cultura e Educación participa na presentación do festival “As Revenidas” que reúne 15 grupos musicais os días 20 e 21 de xullo en Vilaxoán

O barrio mariñeiro de Vilagarcía de Arousa acollerá concertos dos galegos Guezos, Dios Ke Te Crew, O Cantautor Bomba, Os Cempés, O Sonoro Maxín, Terbutalina, Lusco Fusco e Borderline79, entre outras formacións

Haberá outros espectáculos para todos os públicos, un espazo solidario, música de DJ´s e unha gala de circo. O concello habilitará dúas zonas de acampada

Xov, 28/06/2012 - 17:39
Cultura e Educación participa na presentación do festival “As Revenidas” que reú
Cultura e Educación participa na presentación do festival “As Revenidas” que reúne 15 grupos musicais os días 20 e 21 de xullo en Vilaxoán

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na presentación do programa do festival “As Revenidas” que se celebra os próximos venres 20 e sábado 21 de xullo en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) coa participación de máis de 15 grupos musicais en diferentes concertos e doutras formacións artísticas que achegarán espectáculos teatro, circo e maxia.

En representación da Consellería de Cultura e Educación, Juan Carlos F. Fasero, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), interveu neste acto, que tivo lugar no Fogar do Pescador de Vilaxoán, xunto a Tomás Fole, alcalde de Vilagarcía; e Xoán Quintáns e Chito Barreiro, en representación da asociación Repichoca, organizadora do festival.

O director da Agadic lembrou que esta iniciativa concorre este ano á primeira edición das subvencións a festivais, dotadas cun total de 360.000 euros (180.000 para a modalidade de festivais de música). Estas axudas, que previsiblemente quedarán resoltas dentro da primeira quincena de xullo, buscan optimizar os recursos públicos destinados a estes eventos, de xeito que o orzamento dispoñible sexa distribuído de acordo cunha serie de criterios cuantificables obxectivamente, así como da valoración do interese, singularidade e relevancia artística e cultural dos seus carteis.

Carácter popular

“As Revenidas” vén desenvolvéndose durante os oito últimos anos co barrio mariñeiro de Vilaxoán como escenario e principal reclamo dunha cita que ten a súa orixe nunha festa popular de veciños e foi medrando até se converter no amplo evento co que se presenta a edición de 2012: dúas xornadas consecutivas de concertos a cargo de 15 grupos (8 deles galegos), outras actividades escénicas de participación de balde e o acondicionamento de dúas zonas de acampada próximas tanto ao recinto do festival como ao centro de Vilagarcía.

Este ano incorpórase ademais como novidade un espazo solidario, a denominada Jaima saharaui, na que se desenvolverán actuacións para recadar fondos para o Sáhara e mesmo conseguir estender ao enclave africano unha parte do festival en 2013.

Os grupos galegos que actuarán nos dous días de “As Revenidas” levarán ao festival os diferentes estilos da música tradicional que se fai actualmente desde distintos puntos da nosa Comunidade. Así, a través dos concertos de Guezos, Dios Ke Te Crew, O Cantautor Bomba, Os Cempés, O Sonoro Maxín, Terbutalina, Lusco Fusco e Borderline79, poderán escoitarse sonoridades que, ademais do folk, enlazan co rap, rock, punk, fusión, reggae, ska, etc.

De fóra de Galicia chegarán Mighty Calacas (toloache mexicano), Booze Brothers Band (de orixe francés pero “alma” irlandesa), The Skatalites (considerados precursores dos estilos  musicais xamacainos) e Esbe Beltza (grupo vasco con influencia de hip hop, reggae, soul rock, folk e cumbia).

Fóra do cartel nocturno de concertos, as tardes serán amenizadas polos espectáculos e propostas doutras formacións, tales como a asociación de percusionistas Trópico de Grelos, o grupo musical Espíritu Moreno ou a compañía Capitán Maravilla Productions, dúo formado por David Morales Díaz e Víctor Ortiz de la Torre, que representarán a montaxe de sketches Mono A Mono B.

Tamén está prevista a actuación de DJ´s para prolongar ata o mencer a música unha vez rematados os directos. Neste caso cóntase coa presenza de nomes como Quique Otero DJ, DZ Selectors ou El Gadze.    

Desenvolverase ademais a Gran Gala do Circo Especial Revenidas, con espectáculos para todos os públicos a cargo de Peter Punk, Os Sete Magníficos+1, Sue Moreno, Wilbur e Ruta Show Company.

Menús News node R

Tema