Xesús Vázquez Abad preside a entrega de premio Lois Peña Novo, no Castelo de Soutomaior, en Pontevedra

Nesta edición resultou premiado o Dicionario Xurídico Galego elaborado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Revista Xurídica Galega

Mér, 27/06/2012 - 21:00
Xesús Vázquez Abad preside a entrega de premio Lois Peña Novo, no Castelo de Sou
Xesús Vázquez Abad preside a entrega de premio Lois Peña Novo, no Castelo de Soutomaior, en Pontevedra

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe á entrega do premio Lois Peña Blanco que nesta edición recoñeceron o Dicionario Xurídico Galego, cuxa edición e promovida pola Consellería en colaboración coa Revista Xurídica Galega (Rexurga), nun acto que se desenvolveu no Castelo de Soutomaior, en Pontevedra. Así mesmo, resultaron galardoados Luís Villares, maxistrado de Lugo, e o policía local de Redondela Gonzalo Amoedo.

Os Premios Lois Peña Novo recoñecen o traballo a prol da normalización do galego nas administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Así o destacou o conselleiro, que salientou a importancia desta iniciativa que “unida a outras que contribúen tamén a impulsar o emprego oral e escrito do galego nos diversos ámbitos sociais, é un exemplo a seguir, un espello onde todos e todas deberiamos mirarnos”. “Tomemos boa nota do labor da Fundación Peña Novo, porque o proceso normalizador da nosa lingua necesita deste tipo de colaboracións, individuais e colectivas, que apoien e difundan a lexislación vixente”, dixo.

Neste sentido, co conselleiro explicou que a Xunta de Galicia está a centrar unha boa parte da política lingüística “neste proceso de recuperación da lingua no campo administrativo, no que temos avanzado chanzos importantes, pero no que resta moito por facer”.

A Fundación Lois Peña Novo, creada en lembranza de quen foi un singular impulsor do uso do galego nos concellos de administracións públicas galegas, creou estes premios para recoñecer o labor, tanto individual coma colectivo, daquelas persoas, entidades ou empresas que traballan ou teñen relación coas administracións públicas e que empregan no seu quefacer profesional a lingua galega, promovendo o seu prestixio social.

Un recurso de grande utilidade

O Dicionario Xurídico Galego, que se veu desenvolvendo nos últimos catro anos, constitúe unha ferramenta de grande utilidade para avanzar na difusión do galego e tamén na calidade lingüística no ámbito xurídico. Este novo recurso facilitaralles aos profesionais da xustiza o exercicio da súa a actividade en galego, pero tamén é de utilidade para calquera persoa interesada en coñecer o significado dos conceptos esenciais do Dereito.

A publicación transcende os canons que a lexicografía establece para os chamados dicionarios descritivos temáticos ou profesionais. Polas súas características, constitúe un dicionario de tipoloxía enciclopédica no que, con absoluto rigor científico, e tamén con inmenso coidado, se aborda o complexo universo xurídico galego.

O dicionario foi posible grazas á contribución de máis de 130 profesionais do ámbito da xustiza –tanto de Galicia como de fóra comunidade autónoma–, baixo a dirección dos maxistrados Luciano Varela e Xosé Xoán Barreiro. Tamén colaboraron co seu labor de supervisión un equipo de catro lingüistas coordinado por Manuel González, membro da Real Academia Galega e coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.