Cultura e Educación destaca a participación de recoñecidos cineastas galegos na exposición ‘Gallaecia Petrea’

Jorge Coira, Marcos Nine, Jairo Iglesias, Juan Lesta e Belén Montero asinan un total de quince pezas audiovisuais que completan o percorrido pola Historia de Galicia a través da pedra nunha mostra que se inaugurará o vindeiro 15 de xuño

‘Gallaecia Petrea’ atópase en plena fase de recepción e montaxe das obras cedidas ata o 15 de decembro por un total de 91 entidades

Ven, 08/06/2012 - 11:57

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Univesitaria destaca a participación de cinco recoñecidos cineastas galegos como son Jorge Coira, Marcos Nine, Jairo Iglesias, Juan Lesta e Belén Montero na exposición Gallaecia Petrea, que abrirá as súas portas o vindeiro 15 de xuño no Museo da Cidade da Cultura. Nesta ambiciosa viaxe pola Historia de Galicia a través da pedra, os cinco directores aportan a súa visión sobre os seis períodos que conforman a exposición a través de quince pezas audiovisuais que complementan as obras presentes no Museo. Este intenso traballo contou coa coordinación de dúas figuras moi recoñecidas no audiovisual galego: Fernanda del Nido no papel de produtora executiva xeral; xunto a María Liaño, como directora de produción.

O material audiovisual de Gallaecia Petrea estará presente en cada un dos seis períodos nos que se divide a exposición: Xeoloxía, Prehistoria, Roma, Medievo, Moderna e Contemporánea. Partindo do discurso que os comisarios pretenden trasladarlle ao visitante, cada un dos directores creou pequenas obras cinematográficas nas que deixaron a súa propia impronta, a súa sinatura ou identidade pero cunha unidade artística froito do traballo en rede e estreita colaboración.

Pequenas pezas cinematográficas

A ollada do mozo compostelán Jairo Iglesias, que a pesar da súa xuventude xa é unha figura consolidada no mundo da curtametraxe por traballos como Rosa dos Ventos (2007) ou Cores (2008), trasládanos á orixe da Gallaecia a través dun traballo moi potente dende o punto de vista visual capaz de recrear a aparición hai millóns de anos do territorio rochoso que conforma hoxe a nosa comunidade, presentando dunha forma moi moderna o discurso que comisaria o profesor Vidal Romaní.

O discurso conceptual de Belén Montero e Juan Lesta, coñecidos polos seus traballos expostos por entidades culturais como o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), a Fundación Luis Seoane ou o Injuve; adáptanse á perfección ao discurso poético do Renacemento e Barroco trasladado por Ana Goy.

A visión experimental de Marcos Nine casa á perfección coa mensaxe que Miguel Fernández Cid, comisario da época contemporánea, conseguindo unha peza inquietante dunha gran potencia visual. Ademais, a súa destreza e experiencia coa imaxe fixa permitiu construír un discurso adaptado para época de Roma, a cargo de Antonio Rodríguez Colmenero. Nine encargouse tamén dunha peza didáctica do período prehistórico, no que se dará conta da tecnoloxía paleolítica cunha recreación realizada en exclusiva para esta exposición.

Por último, o recoñecido director e guionista lucense Jorge Coira, autor de películas como Entre Bateas ou a recentemente premiada 18 comidas; proxectará no Museo un relato visual moi atractivo para varias pezas audiovisuais do período prehistórico, comisariado por Xosé Ignacio Vilaseco; e botará man da forza narrativa que o caracteriza para condensar en pequenas pezas o amplo período medieval, a cargo de Carlos Valle.

Dinamización do sector

O departamento que dirixe Vázquez Abad quere destacar a implicación de recoñecidos profesionais do mundo audiovisual neste proxecto, así como papel dinamizador de Gallaecia Petrea neste sector, tal e como demostra a participación de produtoras galegas como Portocabo, Pixel Films, Ébora Cast, EAF Produccións e Tic Tac Producciones. Do mesmo xeito, Cultura e Educación resalta o traballo de colaboración entre os diferentes equipos técnicos e artísticos para lograr un proxecto cunha unidade estética pero, á súa vez, cunha identidade propia.

Gallaecia Petreaabrirá as súas portas o vindeiro 15 de xuño no Museo da Cidade da Cultura e ofrecerá un percorrido pola historia da construción da cultura e da propia Historia de Galicia a través dun elemento tan emblemático e propio da nosa identidade como é a pedra.A mostra, que permanecerá ata o 15 de decembro, preséntase como un proxecto colectivo no que participan cedendo pezas un total de 91 institucións de Galicia, España e Portugal; converténdose deste xeito nun escaparate do patrimonio galego e un ambicioso proxecto de rehabilitación e investigación científica.

Traslado totalmente seguro

A Xunta de Galicia quere recordar que os préstamos contan sempre co visto bo da institución que cede a obra, e no caso daquelas que polo seu valor histórico e artístico gozan dunha protección especial, tamén se solicitaron os permisos e autorizacións pertinentes dos departamentos administrativos correspondentes. As obras serán restituídas ao seus lugares de orixe ao remate da exposición, previsto para o mes de decembro.

As pezas, de gran valor artístico e histórico, están sendo transportadas ao nunha operación na que se están a empregar material e persoal técnico cualificado para garantir a súa seguridade. A operación de embalaxe, carga e descarga estase facendo seguindo as instrucións técnicas dos museos ou centros que prestan as obras. Asemade, o transporte das obras está protexida por un seguro da modalidade coñecida como “de cravo a cravo”, habitual nas exposición de obras de arte e que proporciona cobertura dende a saída da obra do seu centro ata o seu regreso.

Menús News node R

Tema