O secretario xeral de Cultura visita os arquivos históricos provinciais de Ourense e de Pontevedra

Os dous centros que xestiona a Consellería de Cultura e Educación organizan mañá unha xornada de portas abertas con visitas guiadas para celebrar o Día Internacional dos Arquivos

O Arquivo Histórico Provincial de Lugo súmase a esta conmemoración coa mostra ‘Urbanismo en Lugo, 1917-1970’, que será inaugurada mañá ás 18:00 horas

Xov, 07/06/2012 - 21:57
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no Arquivo Histórico Provincial
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense e o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra ofrecen mañá unha xornada de portas abertas con visitas guiadas con motivo do Día Internacional dos Arquivos, que se celebra cada 9 de xuño. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou hoxe estes dous centros, que xestiona a Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para coñecer a actividade que están a levar a cabo a prol da conservación e posta en valor do patrimonio documental.

Para promover un maior coñecemento dos arquivos entre a cidadanía, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense organiza mañá unha xornada de porta abertas, con visitas guiadas ás 12:30 horas e ás 18:30 horas. Ademais, tamén promove unha exposición con documentos relacionados coa Guerra da Independencia así como tamén coa Constitución de Cádiz, con motivo da celebración do seu bicentenario.

Pola súa banda, o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra organiza unha xornada de portas abertas con visitas guiadas aos locais do arquivo, en horario de 11:00 horas, 13:00 horas e 17:00 horas. A partir das 19:00 horas acollerá os relatorios “A historia do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra e os seus fondos”, a cargo da directora do centro, Carmen Corgo Solleiro, e “O arquivo como referente fundamental para o estudo da historia da cidade de Pontevedra”, sobre o que falará Xosé Fortes Bouzán. Ao remate terá lugar unha actuación musical en colaboración co Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga.

Exposición Urbanismo de Lugo, 1917-1970

O resto de arquivos histórico provincias da Xunta de Galicia tamén organizan diversas propostas con motivo do Día Internacional dos Arquivos. O de Lugo inaugurará mañá, ás 18:00 horas, a exposición Urbanismo de Lugo, 1917-1970, que amosa a evolución urbanística da cidade entre este período de tempo a través de planos, fotografías e outros documentos.

Os que se acheguen mañá ao Arquivo do Reino de Galicia, na cidade da Coruña, poderán visitar unha mostra con documentos dos fondos públicos e privados do arquivo, entre os que se inclúen o manuscrito do Divino Sainete, de Curros Enríquez; unha carta autógrafa de Emilia Pardo Bazán a Andrés Martínez Salazar, a carta náutica das rías de Ferrol e de Betanzos de 1801 e imaxes da inauguración da liña do ferrocarril á Coruña, en 1883, entre outros.

Menús News node R

Tema