Vázquez Abad comproba o resultado das obras da cuberta do CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes, Pontevedra
O conselleiro de Cultura e Educación sinalou que a intervención está a piques de rematar tras un mes de traballo
Durante a visita tamén inaugurou a ampliación do espazo da biblioteca do centro educativo
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe o resuldaod das obras de mellora na cuberta do CEIP Doutor Suárez (Fornelos de Montes), tras un mes de intervención.
A reparación da cuberta con especial atención ás limas e canalizacións comezou a principios deste mes. O conselleiro recordou que a intervención realizouse neste momento do ano porque, tal e como xa indicará na visita realizada en xaneiro, había que esperar a que rematará a época de máis probabilidade de choiva para poder traballar con todas as condicións de seguridade que está obra precisa. As melloras desenvolvéronse unha vez que a Unidade Técnica de Pontevedra avaliou o estado das instalacións.
Esta obra engádese as que xa se fixeron nos últimos anos por máis de trinta e seis mil euros que se destinaron a adaptar o acceso ao ximnasio para minusválidos. Así, Vázquez Abad, que visitou o centro con motivo da inauguración da ampliación da biblioteca escolar, sinalou que se da resposta a unha das principais demandas da comunidade educativa.
Ampliación da biblioteca
No acto de inauguración o conselleiro, que estivo acompañado polo equipo docente do centro e o seu director Francisco Rodríguez Rial, e o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, recordou que este espazo- destinado aos preto de 90 escolares do colexio- integrouse este curso no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. Deste xeito reforzáronse as achegas da Consellería para a melloras dos seus fondos e actividades de fomento da lectura, para o que xa leva recibidos 11.050 euros.
Durante a súa intervención Vázquez Abad destacou que “este é un espazo de estudo, de lecer, de encontro, de sabedoría. Un espazo prioritario para o voso alumnado, a comunidade educativa, as familias e o resto da vila”, ao que engadiu que “unha biblioteca custodia o patrimonio cultural e educativo do seu contorno, atesourando centos de volumes contedores da sabedoría de moitas xeracións. Hoxe en día as bibliotecas son, ademais, portas de acceso a moitos libros e fontes informativas alén das súas paredes, grazas a Internet”.