A Consellería de Cultura e Educación promove a investigación lingüística arredor da lingua galega coa concesión de oito bolsas de formación en proxectos do Centro Ramón Piñeiro

A resolución destas bolsas de formación publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia

Lun, 14/05/2012 - 16:31
A Consellería de Cultura e Educación promove a investigación lingüística arredor
A Consellería de Cultura e Educación promove a investigación lingüística arredor da lingua galega coa concesión de oito bolsas de formación en proxectos do Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a promover a investigación arredor da lingua galega coa concesión de oito novas bolsas de formación en proxectos que está a desenvolver o Centro Ramón Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), dependente do departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas bolsas, que foron convocadas no DOG de 12 de xaneiro, cos nomes dos aspirantes seleccionados, así como unha listaxe de suplentes cos restantes candidatos admitidos valorados cun mínimo de 10 puntos na fase de valoración de méritos.

Xunto coa formación lingüística, a convocatoria destas bolsas tamén oferta actividades de formación literaria, histórica e antropolóxica de Galicia e está dirixida a licenciadas e licenciados universitarios, polo que contribúe á especialización na súa formación académica, profesional e investigadora. Para seren escollidos estes aspirantes deberon cumprir con requerimentos específicos para cada un dos postos solicitantes – tales como ter experiencia en gramáticas formais e construción de etiquetadores morfosintácticos ou estar capacitados para a tradución de textos en linguas románicas no estado medieval, entre outros.

Os proxectos aos que se dirixen estas bolsas inciden en traballos de investigación sobre fraseoloxía galega, bibliografía da literatura galega e literatura galega medieval, recursos informáticos para o estudo do idioma, terminoloxía científico-técnica, a base de datos ALIR e a construción dun sintetizador de voz para o galego.

Proxectos de investigación

O CRPIHinclúe, entre os seus obxectivos fundacionais, o deseño e o desenvolvemento de recursos informáticos que axuden á incorporación da lingua galega ao mundo das novas tecnoloxías da información.

Así, concédese unha bolsa de formación no proxecto Bibliografía da literatura galega, outra no de Terminoloxía científico-técnica –compaxinando actividades de tradución con traballos de tipo terminolóxico-, unha no proxecto Síntese de voz en galego, e outra no de Base de datos do ALIR.

Así mesmo selecciónanse dúas persoas para traballar no proxecto Corpus de referencia do galego actual, e unha para participar nos traballos de elaboración da revista Cadernos de fraseoloxía galega e na creación do Tesouro de fraseoloxía galega. O outro candidato seleccionado participará no proxecto Literatura Galega Medieval, atendendo de xeito particular as seccións relativas ás Cantigas de Santa María e á Prosa literaria, así como á base de datos bibliográfica BIRMED.

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

O CRPIH foi creado pola Xunta de Galicia o 11 de febreiro de 1993. Está adscrito á  Secretaría Xeral de Política Lingüística e o seu coordinador científico é o académico da lingua galega Manuel González González.

Seguindo o ronsel da preocupación pola investigación sobre o galego do intelectual que lle dá nome, Ramón Piñeiro, o centro traballa en diversos proxectos que inciden no estudo filolóxico e de conservación das fontes lingüísticas, literarias e antropolóxicas e que permiten unha investigación en profundidade da historia lingüística e literaria do galego.

No marco destes proxectos, o CRPIH elabora recursos imprescindibles que lle dan resposta ás necesidades do conxunto da sociedade e para consulta e utilización de investigadores e público en xeral. Boa mostra disto dánnola os cadernos que se editan sobre fraseoloxía, os Informes de literatura ou a colección de cadernos Ramón Piñeiro, a través da que se publicaron, desde 2003 ata hoxe, 20 volumes sobre pensamento e cultura galega.

Menús News node R