O colexio O Couto de Ourense representa a Galicia no programa estatal ‘Escolas saudables’

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, gaban o bo traballo deste centro

Xov, 27/03/2025 - 14:18
Escolas saudables

O Colexio CEIP O Couto de Ourense representa a Galicia no programa estatal Agrupacións escolares. Escolas saudables para o fomento da educación inclusiva e a innovación a través de proxectos colaborativos entre centros de distintas comunidades. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitaron hoxe o centro para coñecer de primeira man o traballo que están a desenvolver.

Os representantes da Xunta coincidiron en salientar o bo traballo deste centro ourensán, que participa no proxecto do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes xunto cos colexios Asturias de Gran Canaria, Francisco de Aldana de Cáceres e de Prácticas nº1 de Málaga, que precisamente se atopan estes días en Ourense.

Ademais, no marco deste proxecto, representantes destes centros visitarán mañá o Centro Galego de Innovación da FP de Galicia Eduardo Barreiros para coñecer exemplos de boas prácticas vinculadas á Formación Profesional, a metodoloxía baseada en retos e o impulso á investigación e á innovación educativa desde un enfoque práctico.

Este centro, como espazo de referencia da I+D+i na FP en España, xoga un papel clave na conexión entre etapas educativas e na difusión de modelos vangardistas aplicables a distintos contextos formativos. A súa implicación en proxectos como este reforza a importancia da colaboración interterritorial e destaca o papel da FP e dos centros educativos como motores de transformación e benestar nos contornos escolares.