Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

Benvida do Conselleiro

Benvidos ao portal educativo da Xunta de Galicia.

A Educación é un dos piares da nosa sociedade, fundamental para o presente e o futuro do país. Un sistema educativo de calidade é unha ferramenta que xera igualdade de oportunidades e cohesión social, e permite articular unha sociedade crítica e formada, requisito indispensable para o correcto funcionamento da democracia.

Vivimos un momento inédito na nosa historia recente, que fai que nos teñamos que enfrontar a novos retos no ámbito educativo que ninguén esperaba.

O noso principal desafío é garantir a seguridade, tanto do alumnado como de todos os profesionais da comunidade educativa. Desenvolvendo os mecanismos e as medidas de seguridade hixiénico-sanitaria que sexan necesarias para asegurar o dereito á saúde e á educación.

Sen lugar a dubidas, esta é a gran prioridade, pero non podemos renunciar a manter a calidade e a equidade, pezas fundamentais do noso sistema educativo, nin deixar de traballar por buscar solucións aos grandes retos educativos que nos demanda a terceira década do século XXI.

Ese é o gran reto que temos por diante: garantir o dereito á educación asegurando as mellores condicións de seguridade posibles, sen esquecer os principios básicos que definen e sustentan o sistema educativo galego. Un enorme desafío organizativo e metolóxico-pedagóxico, que estou seguro que co compromiso e o esforzo de toda a comunidade educativa, as diferentes administracións e as familias, poderemos superar xuntos.

É para min un privilexio e unha enorme responsabilidade estar á fronte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Unha tarefa que agardo desempeñar con esforzo, compromiso e unha gran vontade de dialogo.

Envíolles un afectuoso saúdo.

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP

 

BIOGRAFÍA

Román Rodríguez González naceu no Vento, Lalín, en 1968. É licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela con premio extraordinario. Doutor en Xeografía, é máster en Desenvolvemento Local, foi profesor na Universidade de León e é profesor titular do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela.

Autor dunha ducia de libros e coautor doutras case vinte publicacións da súa especialidade, amais de ter participado en corenta libros colectivos, Román Rodríguez dirixiu másteres e cursos de posgrao vinculados coa temática do ordenamento territorial en varias universidades. Foi galardoado, ademais, co Premio da Crítica de Galicia (2000), no eido da investigación.

En 1999 foi elixido concelleiro polo PP en Lalín, con responsabilidades en Cultura, Medio Ambiente, Urbanismo, Desenvolvemento Local e Portavocía. Nas eleccións de 2009 obtivo acta como deputado autonómico para ser designado posteriormente vicevoceiro do Grupo Popular e voceiro nos eidos de Educación, Urbanismo e Ordenación do Territorio.

Desde febreiro de 2015 ata setembro de 2018 foi conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Desde setembro de 2018 a setembro de 2020 foi Conselleiro de Cultura e Turismo.

 

LINKS

Facebook: https://www.facebook.com/Roman.Rodriguez.Conselleiro/?fref=ts

Twitter: https://twitter.com/romanlalin