Román Rodríguez defende o carácter estratéxico da educación e a ciencia no impulso económico e social dunha Galicia innovadora e competitiva
A Comunidade aspira a avanzar nun novo modelo para conectar os centros educativos e de investigación co tecido produtivo para beneficio de toda a sociedade
O representante da Xunta repasa a importancia das políticas educativas, así como o fortalecemento da FP e a transferencia de coñecemento desde as universidades
O reforzo do sistema de I+D+i é fundamental para gañar competitividade e captar talento e, así, acelerar o impacto da investigación na Galicia do futuro
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destaca o papel tractor que a educación e a ciencia xogan no desenvolvemento social e económico de Galicia en termos de innovación e competitividade e reafirma o compromiso do Goberno galego na aposta por “unha política de país de carácter estratéxico” neste eido. Así o sinalou hoxe, durante o almorzo sectorial organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, onde impartiu unha conferencia baixo o título Educación e Ciencia: semente do futuro, na que avogou por un novo modelo para conectar os centros educativos e de investigación co tecido produtivo para un beneficio mutuo entre ambos.
O titular de Educación do Goberno galego, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e de membros do seu equipo, debullou as accións do seu departamento para camiñar nesta liña de traballo, facendo fincapé no poder transformador da educación a través da cultura do esforzo, da tolerancia e da igualdade, no sistema galego de Formación Profesional, no papel das universidades así como no impulso da I+D+i como base da economía do coñecemento actual.
O impacto directo da FP na economía
A Formación Profesional galega, convertida hoxe nun referente a nivel nacional, impacta directamente na economía e nas persoas como proban as taxas de inserción laboral que pasaron do 30% en 2009 ao 85% de hoxe e que rozan o 100% no caso da FP Dual.
Para que estas ensinanzas, que este curso acadaron un novo récord con máis de 65.000 alumnos matriculados, sigan fortalecéndose como exemplo de prestixio, utilidade e confianza, Román Rodríguez fixo un chamamento a “contar coa complicidade” do tecido empresarial, do que gabou o seu papel fundamental na “revolución silenciosa” experimentada pola FP galega nos últimos anos grazas á colaboración nos graos duais e nas prácticas en empresas.
Así mesmo, Román Rodríguez reivindicou a universidade como factor de impulso territorial a través da transferencia de coñecemento á sociedade. Por iso, desde a Xunta trabállase para que Galicia sexa, nesta lexislatura, a primeira comunidade autónoma do Estado en acadar o 1% do PIB en recursos públicos transferidos ou captados polas universidades.
Sistema de investigación e transferencia forte
Outra das accións relevantes é o desenvolvemento do ecosistema de investigación e de transferencia de coñecemento, para o cal o conselleiro apelou á “mutua responsabilidade” entre o sector público e privado. Desde a Xunta trabállase no reforzo de sinerxías entre os centros tecnolóxicos e os universitarios para construír redes ao servizo do beneficio directo do tecido produtivo e do conxunto da sociedade e en sectores punteiros estratéxicos como a biotecnoloxía, as TIC ou a computación cuántica.
Un piar básico deste obxectivo é o Centro de Supercomputación de Galicia, Cesga, que vai contar cunha nova infraestrutura, na que a Xunta inviste 56M€, que permitirá un incremento da capacidade de cálculo ao servizo da comunidade científica e das empresas que o usan.
Tamén se está desenvolvendo o Polo de Tecnolóxicas Cuánticas para consolidar a Galicia como comunidade referente no horizonte de 2030. Para involucrar a todos os axentes da I+D+i, Román Rodríguez explicou que ao abeiro deste polo, a Xunta xa ten constituída a Rede de Tecnoloxías Cuánticas e o Cesga conta co seu ordenador cuántico QMIO, o primeiro deste tipo de toda España.
Así mesmo estase a impulsar a nova Lei de Ciencia e Innovación, un texto legal que, en palabras do conselleiro, “situaranos na vangarda normativa buscando e mellorando a competitividade da nosa ciencia e economía”.