Xunta, Ministerio e Universidades formalizan o acordo para a contratación de 166 profesores axudantes doutores

O Goberno galego destinará máis de 16M€ ata 2030 a este programa de captación de talento, que financiará parcialmente o Ministerio os primeiros seis anos

A partir de 2031 a consolidación deste persoal correrá a cargo da Xunta, cun custo de arredor de 7M€ anuais

As universidades públicas galegas contan xa cuns dos cadros de persoal máis estabilizados do Estado

Mér, 27/11/2024 - 15:01
d

Os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participaron esta mañá na sinatura do convenio co secretario de Estado de Ciencia, Innovación e Universidades, Juan Cruz, e cos reitores das universidades de Vigo, Manuel Reigosa, e A Coruña, Ricardo Cao, e o vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González, para a posta en marcha do Programa María Goyri de incorporación de talento docente e investigador ás universidades públicas españolas.

Isto traducirase na contratación de 166 profesores axudantes doutores no conxunto das tres universidades públicas galegas, para o que o Goberno galego destinará máis de 16M€ ata 2030, asumindo o 40% do custo do acordo. O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades cofinanciará parcialmente esta contratación ata ese ano no marco do acordo asinado hoxe. A partir de 2031, o pagamento dos salarios destes docentes correrá de xeito exclusivo a cargo da Xunta, cun custo de 7M€ anuais. 

A distribución de prazas e achega para cada universidade por parte do Goberno galego é a reflectida na seguinte táboa:

Universidade

Prazas

Orzamento total Xunta

USC

53

           5.284.062€

UVigo

64

           6.290.550€  

UDC

49

           4.780.818€  

Totais

166

            16.355.430€  

 

Cadros de persoal estables

O obxectivo deste programa é reducir a temporalidade do profesorado universitario, ámbito no que as universidades de Santiago, Vigo e A Coruña están moi avanzadas, cuns dos cadros de persoal máis estabilizados do Estado, grazas á boa política laboral interna desenvolvida nos últimos anos.

Con todo, a Xunta transmitiu xa aos tres reitores que asegura os fondos para o 40% que lles corresponde sufragar deste programa ata 2030. Pola súa parte, o Ministerio consigna 1,3M€ de fondos iniciais, mentres que o resto do importe queda á espera da cantidade que consigne anualmente nos orzamentos do Goberno central.

As tres universidades públicas poderán crear as prazas ata o fin do curso 2027-2028, dado que precisan tempo para publicar as correspondentes convocatorias.