A Xunta promove o espírito emprendedor a través da convocatoria do plan Eduemprende, que estará aberta ata o 14 de outubro

A directora xeral de FP reúnese cos coordinadores de emprendemento da Rede de centros integrados de FP para intensificar a colaboración entre eles

Mér, 25/09/2024 - 17:09
f

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, reuniuse hoxe no CIFP Compostela cos coordinadores de emprendemento dos centros integrados de Formación Profesional para reforzar o impulso deste espírito emprendedor a través do plan Eduemprende. Esta iniciativa da Xunta de Galicia, que leva máis dunha década fomentando a cultura emprendedora no alumnado de FP, é un dos piares da estratexia educativa galega para promover a creación de proxectos empresariais e a innovación.

No marco deste encontro, Eugenia Pérez tamén lembrou que a convocatoria do plan Eduemprende está actualmente aberta e finaliza o vindeiro 14 de outubro. Este, dirixido ao alumnado de ciclos formativos de grao medio e superior, ensinanzas deportivas, artes plásticas e deseño, así como ao alumnado de Bacharelato, ESO e Primaria, ten como obxectivo promover a cultura do emprendemento e facilitar a transición da vida académica á laboral.

O principal obxectivo deste encontro é potenciar o traballo colaborativo e xerar novas sinerxías. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou a relevancia do plan Eduemprende no desenvolvemento de habilidades emprendedoras, que permiten ao alumnado crear os seus propios proxectos empresariais, ademais de facilitar o acceso aos viveiros de empresa dispoñibles en toda Galicia. “Queremos formar profesionais non só con competencias técnicas, senón tamén con capacidade de innovación e iniciativa para emprender os seus propios proxectos", afirmou a directora xeral.

Aulas de emprendemento

Eugenia Pérez subliñou tamén na reunión o impacto das aulas de emprendemento, postas en marcha en 100 centros de Galicia, que lograr fomentar a iniciativa entre un gran número de estudantes. A través da colaboración e o traballo en rede dos coordinadores de emprendemento dos CIFP ao abeiro do plan, búscase continuar incrementando a participación de centros e alumnado. Vén completar á rede de 33 viveiros de empresa en centros educativos, que facilitan que os alumnos poñan en marcha as súas ideas de negocio.

Os centros interesados en participar nesta iniciativa deberán presentar as súas solicitudes a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia antes da data límite. Con este programa, búscase que o alumnado adquira competencias empresariais e coñecementos que lles permitan desenvolver proxectos propios no futuro.

Con esta reunión, e co conxunto das iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia, a Formación Profesional continúa avanzando cara a unha maior conexión co tecido empresarial e un reforzo do espírito emprendedor entre o alumnado galego. Desta maneira, asegúrase unha formación integral, orientada ao futuro e que responda ás necesidades do mercado laboral.