Rueda destaca que a nova facultade de Farmacia de Santiago afianzará á universidade na vangarda académica e na busca da excelencia

Compromete un investimento de 12 M€ para poñer en marcha o novo edificio universitario 

O Goberno autonómico investirá 40 M€ ata 2026 para melloras nas infraestruturas dos sete campus galegos

Recorda que este é o primeiro curso académico coa matrícula universitaria gratuíta, unha medida pioneira en toda España e da que xa se benefician “máis de 10.000 alumnos”

Resalta o traballo da Xunta para avanzar cara unha universidade máis “accesible e universal”

Mar, 24/09/2024 - 17:48
f

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a nova facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na que o Goberno galego investirá 12 millóns de euros, permitirá afianzar a esta universidade na vangarda académica. “Se unha universidade busca a excelencia ten que ter boas infraestruturas, un bo equipo humano e un alumnado que tamén procure esa excelencia”, indicou.

Así o destacou hoxe durante a presentación en Santiago de Compostela do proxecto para o cal o Goberno galego aportará aproximadamente a metade do seu custo total. “Serán unhas infraestruturas á altura da titulación; unhas instalacións como necesita e merece a comunidade educativa”, indicou.

Esta colaboración coa USC enmárcase nunha liña de acción de goberno máis ampla que ten como obxectivo consolidar a excelencia do Sistema Universitario Galego e mellorar a súa accesibilidade. A Xunta investirá 40 millóns de euros ata 2026 para melloras nas infraestruturas dos sete campus galegos. En total, grazas a este plan, mobilizaranse arredor de 100 millóns de euros para construír novos edificios ou rehabilitar outros.

Estes investimentos en infraestruturas son complementarios ao Plan galego de financiamento universitario 2022-2026, un plan plurianual -Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que conta cunha planificación a varios anos- e consensuado que ten como obxectivo mobilizar case 3.200 millóns de euros durante a súa vixencia.

Ademais, Rueda recordou que este é o primeiro curso académico no que a matrícula universitaria será gratuíta nas universidades públicas ou centros de ensinanzas artísticas superiores. Nesta liña, destacou que xa son “máis de 10.000” os alumnos beneficiarios desta medida que busca avanzar nunha “universidade accesible e universal”. 

Por último, lembrou o compromiso do Goberno galego para que nesta lexislatura Galicia se converta na primeira comunidade en chegar ao 1% do PIB en recursos transferidos ou captados polas universidades públicas.