A Xunta creará unha rede de centros educativos de referencia en materia de inclusión e innovación dotada con 2M€

A Consellería de Educación publicará nos próximos días a convocatoria para que os centros presenten os seus proxectos de mellora

Afondarán en eidos como as matemáticas e a lectura, a igualdade, a convivencia, o benestar emocional, as altas capacidades ou o contacto con outros centros de Europa

É a terceira medida do Plan MEGA que se pon en marcha, tras os programas Promociona e Proa+

Lun, 23/09/2024 - 16:51
grupo de alumnas de costas, coas súas mochilas no lombo entrando no patio do colexio

A Xunta vai impulsar este curso a creación dunha rede de centros educativos de referencia en materia de inclusión e innovación educativa. Farao a través dun dos seis programas que compoñen o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, a estratexia do Goberno autonómico para a transformación e consolidación definitiva do sistema educativo galego.

 

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP publicará nos próximos días a convocatoria para que os centros presenten os seus proxectos de mellora. Poderán facelo arredor de dúas modalidades, unha centrada na inclusión educativa e outra na innovación pedagóxica.

 

Os centros seleccionados desenvolverán o seu proxecto ao longo do curso 2024/25. Para iso, contarán co apoio específico do departamento educativo da Xunta a través de asesoramento, formación específica e difusión de boas prácticas. Asemade, dotarase aos centros dunha asignación extraordinaria para o desenvolvemento dos proxectos, para o que a convocatoria está dotada cun orzamento de ata 2M€.

 

O obxectivo deste programa é que os centros educativos seleccionados poidan influír positivamente noutros centros similares e converterse en exemplos de boas practicas promovendo actuacións e metodoloxías que poidan ser replicadas e adaptadas por outros centros.

 

É a terceira medida Plan MEGA que se pon en marcha, tras os programas Promociona e Proa+, cun novo enfoque que vén substituír os antigos contratos-programa, modernizándoos.

 

Amplo abano de boas prácticas

Poderán participar neste programa os centros públicos que impartan ensinanzas de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria. Deberán elaborar un proxecto educativo centrado nalgunha das oito áreas de mellora ou ámbitos presentados na convocatoria: igualdade, convivencia, inclusión, benestar emocional, competencia matemática, competencia lectora, internacionalización e sostibilidade.

 

No eido da igualdade valoraranse os proxectos que fomenten a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a prevención, a detección e o tratamento das violencias machistas e a o respecto pola diversidade afectivo-sexual e de xénero; mentres que no da convivencia os proxectos deberán incluír medidas que favorezan o clima escolar ou actuacións preventivas de condutas violentas ou discriminatorias, entre outras.

 

En materia de inclusión seleccionaranse proxectos con actuacións dirixidas á atención a diversidade, a inclusión educativa e social de todo o alumnado, a mellora das necesidades educativas do alumnado de altas capacidades e do alumnado absentista e en risco de abandono temperán.

 

Pensamento crítico e empatía

No caso do benestar emocional, priorizaranse as iniciativas dirixidas a mellorar a competencia socioemocional da comunidade educativa, así como o desenvolvemento de estratexias que favorezan o aumento da autoestima, a empatía e a resiliencia, a superación, a identificación das emocións dos demais e o coñecemento das propias, en lina coa Estratexia galega de convivencia escolar, Educonvives.

 

O programa para o impulso de centros referentes tamén impulsa o reforzo das competencias matemáticas e lectora. No primeiro dos ámbitos os centros deberán elaborar proxectos que aposten por enfoques educativos innovadores, no fomento do pensamento critico e no estímulo da resolución de problemas de xeito interdisciplinar e práctico.

 

No que atinxe á competencia lectora, seleccionaranse iniciativas que impulsen actividades de lectura que cheguen a todos os membros da comunidade escolar e que lles sirvan como vía de entretemento e de crecemento persoal.

 

Interese por outros idiomas e cultura

Na área de internacionalización búscase favorecer o contacto dos centros educativos galegos con centros educativos de Europa que implican a alumnado e profesorado para fomentar un maior interese por outras culturas e realidades, así como a promoción de actividades ou proxectos centrados no coñecemento e emprego por parte do alumnado das distintas linguas, orais ou signadas.

 

Finalmente, no ámbito da sostibilidade seleccionaranse proxectos que propoñan medidas organizativas, metodolóxicas ou actividades deseñadas para que os centros evolucionen cara a un funcionamento ambientalmente responsable.