Bota a andar o Plan anual de formación do profesorado dotado con 132.531 prazas, un 7,5 % máis
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP inaugura o programa cunha actividade destinada á xestión de centros educativos
A Xunta inviste máis de 11 M€ en formar ao profesorado a través de seis liñas: dixital, didáctica, innovación, convivencia e inclusión e comunicación e plurilingüismo
Román Rodríguez destaca o papel dos docentes como “piar fundamental do sistema educativo para preparar aos galegos para os retos do presente e futuro”
O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou hoxe o Plan anual de formación do profesorado 2024/2025 nunha xornada sobre o uso das aplicacións institucionais na xestión dos centros educativos destinada aos equipos directivos. O titular de Educación explicou que a Xunta “pon a disposición dos docentes un total de 132.531 prazas para reforzar e actualizar as súas competencias profesionais, un 7,5 % máis”.
Así o sinalou durante a benvida aos participantes na xornada, na que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e coa que se busca dar a coñecer as diferentes ferramentas de xestión do ensino galego, así como familiarizar aos equipos directivos co uso destas tecnoloxías. Así mesmo, na formación resólvense dúbidas sobre o emprego de Xade, Abalar, Fondolibros ou Webex, entre outras opcións.
Román Rodríguez agradeceu o traballo de toda a comunidade educativa, facendo especial fincapé no papel dos docentes, que son “o piar fundamental do sistema educativo para preparar aos galegos para os retos do presente e futuro”. “Con formacións como a de hoxe -afirmou-, poñemos á vosa disposición as ferramentas necesarias para formar as novas xeracións con garantía de éxito nun marco de cambios constantes en metodoloxías educativas, dinámicas pedagóxica e transformacións sociais”.
6.172 actividades desde Matemáticas a FP
Neste sentido, o representante da Xunta de Galicia explicou que o Plan de formación do profesorado deste curso inclúe un total de 130.136 horas, cun investimento total de 11,4 M€, medio millón de euros máis que o pasado curso. “Este ano, cun total de 6.172 actividades, daremos especial protagonismo á formación nos propios centros, máis personalizada, así como cursos e xornadas e formacións en liña”, engadiu.
O Plan deste ano aposta especialmente polas competencias matemáticas e dixitais e as relacionadas coa FP. De feito, o conselleiro destacou o incremento das prazas nas accións específicas para docentes de FP e ensinanzas de réxime especial, máis de 17.000, un 50 % máis. “O obxectivo é facilitar o traballo dos docentes, ofrecéndolles formación gratuíta que lles permita facer fronte aos novos retos do ensino do século XXI”, remarcou.
Deste xeito, este novo Plan contribuirá a afondar nos novos currículos e a fortalecer as competencias en aspectos tan necesarios como a atención á diversidade ou a xestión tecnolóxica, e seguir traballando por un modelo inclusivo, innovador, flexible, cooperativo e axustado ás necesidades dos alumnos. A oferta está organizada en seis liñas formativas prioritarias: dixital, didáctica, innovación, convivencia e inclusión e comunicación e plurilingüísimo. Estas liñas concrétanse en 23 itinerarios con tres niveis de desenvolvemento cada un e, dentro deles, 400 actividades formativas que son completamente novas ou foron actualizadas.