A Xunta ten aberto o prazo para solicitar as axudas de desprazamento ao alumnado de FP que realice prácticas formativas dentro e fóra de Galicia

A contía máxima da axuda acada os 375€ para os estudantes que fagan as prácticas dentro da comunidade autónoma e fóra do seu concello

O alumnado que desenvolva a FP dual no estranxeiro recibirá unha axuda por semana variable en función do país de destino, cun máximo de 1500€

O primeiro prazo de solicitudes, para quen xa fixo as prácticas, está aberto ata o 9 de setembro e o segundo, para quen aínda non, estarao a partir do 14 de outubro

Mar, 13/08/2024 - 11:14
un obradoiro de carpintería cunha muller traballando nunha mesa

A Xunta de Galicia ten aberto o prazo para solicitar as axudas económicas ao desprazamento dirixidas ao alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo (FCT) e ao alumnado que cursa a modalidade de FP Dual co fin de compensarlles parcialmente os gastos extraordinarios derivados da realización das devanditas actividades formativas que se poden desenvolver en empresa da comunidade autónoma ou do resto de España e mesmo noutros países de dentro ou fóra da Unión Europea.

 

Segundo se pode consultar no Diario Oficial de Galicia, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina un orzamento total de 900.000€ a esta acción que leva desenvolvendo desde hai anos. Esta liña de acción enmárcase na Estratexia FP Galicia 2030 e afonda na mellora das competencias a través dunha formación práctica ao tempo que favorece a mobilidade nacional e transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países, o que permite a mellora das competencias lingüísticas e profesionais.

 

Destinatarios

Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado que estea cursando o derradeiro curso dun ciclo formativo de grao profesional básico, de grao medio ou grao superior de Formación Profesional inicial, cursos de especialización, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos ou nalgún ciclo formativo de FP Dual. En calquera caso, deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo ou FP Dual antes do 31 de decembro deste ano.

 

A convocatoria establece dúas modalidades en función dos destinatarios. Na modalidade A, destinada a quen realice a formación dentro do territorio español, a contía da axuda dependerá de onde se realicen as prácticas, e o número de xornadas. Así, o alumnado que realice a FCT ou a FP Dual dentro da comunidade autónoma recibirá ata un máximo de 375€, sempre que o concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo ou o de residencia do estudante durante ese período. A contía a percibir polo alumnado establecerase en función do número de xornadas realizadas no módulo de FCT ou, no caso da FP Dual, do número de xornadas de permanencia na empresa.

 

No caso do alumnado que realice a formación fóra da comunidade autónoma, percibirá unha cantidade fixa de 200€ aínda que realice a FCT ou a FP Dual en varios centros de traballo.

 

Na modalidade B, destinada a quen realice a formación fóra do territorio español, a contía das axudas variará en función do país de destino, e das semanas de estadía no estranxeiro para dita formación, cun máximo de 1500€ no caso de alumnado que curse FP dual. Ao alumnado que realice a FCT fóra do territorio español e desfrute dunha axuda para a mesma finalidade, que non lle financie totalmente o período de realización da FCT, concederáselle o 50% da axuda correspondente.

 

Solicitudes

O alumnado deberá tramitar as axudas a través do centro educativo no que estea a estudar a FP e haberá dous prazos para facelo. O primeiro deles estará aberto ata o 9 de setembro e está dirixido a quen realizase a FCT nos períodos de outubro de 2023 a marzo de 2024 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2024, así como ao alumnado de FP Dual.

 

O segundo prazo, comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2024, será para o alumnado de ciclos formativos que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2024 e que a remate antes do 31 de decembro de 2024. O alumnado que teña horario flexible con autorización da Dirección Xeral de Formación Profesional e remate despois do 31 de decembro de 2024 acollerase á seguinte convocatoria de axudas.