Xesús Vázquez Abad preside en Ourense o acto de celebración do Día Internacional da Poesía 2012

A Xunta súmase á conmemoración institucionalizada pola UNESCO no ano 2000, que se celebra cada 21 de marzo coincidindo co equinoccio de primavera, coa finalidade de promover a diversidade lingüística a través da expresión poética

O Centro PEN de Galicia, organizador do acto, elixiu nesta ocasión a cidade de Ourense para acoller a iniciativa, na que colaboraron a Xunta de Galicia e a deputación, no marco da celebración do Ano Celso Emilio Ferreiro

Mér, 21/03/2012 - 19:50
Xesús Vázquez Abad, no acto conmemorativo do Día Internacional da Poesía 2012, c
Xesús Vázquez Abad, no acto conmemorativo do Día Internacional da Poesía 2012, celebrado en Ourense

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe en Ourense o acto de conmemoración do Día Internacional da Poesía 2012. Unha conmemoración institucionalizada pola UNESCO no ano 2000 e celebrada polo Centro PEN Club de Galicia desde a súa primeira edición.

En palabras do conselleiro a poesía é “diversa e filosófica, trascendente e fixidora, leva consigo a imaxe do pasado, do que fomos perdendo, do presente, do que temos, e do futuro, do incerto porvir.  Por iso e polo que perdura e avanza, sen deterse nunca nin petrificarse, é unha forza vital, dinámica, en constante movemento e relación co mundo e os sentidos, coa cultura e coa linguaxe. A Poesía, con maiúsculas, como a que acabamos de escoitar, constitúe un estoupido de mil luces; comunicación, sentimentos, verdade, compromiso…E así, xa desde os comezos da historia, sabemos que os poetas cantan e contan, non tanto o que sucede, como o que debe suceder”, asemade destacou que desde a Consellería “mellorar, dentro do posible, a promoción e a difusión da nosa poesía. Galicia conta con grandes poetas, desde os trovadores e xograres medievais, pasando polas grandes figuras do Rexurdimento e, tamén, ó longo do Século XX e do que levamos andado do XXI. Axudaremos a sacar a poesía ás rúas das cidades, ás prazas das vilas e ós turreiros das aldeas: porque na Poesía hai paixón e liberdade”.

Canda Vázquez Abad, participaron no acto o escritor e presidente do PEN Club de Galicia, Luís González Tosar; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco. González Tosar, presidente da entidade organizadora, fixo fincapé en que “a poesía é unha das expresións máis elevadas da lingua e da cultura”. Asistiu tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García,  a xefa territorial de Cultura e Educación en Ourense, Mercedes Gallego.

‘Celso Emilio en Ourense’

A cidade de Ourense foi o escenario elixido polo Centro PEN Club de Galicia para conmemorar esta décimo segunda edición, no marco das celebracións do Ano Celso Emilio Ferreiro promovido pola Xunta de Galicia para festexar o centenario do nacemento do autor e o 50º aniversario da publicación do seu poemario Longa noite de pedra, por ser precisamente Ourense a cidade á que lle cantou o poeta e onde se lle tributou a ‘Homenaxe de despedida’ o 15 de maio de 1966, con motivo da súa partida a Caracas, onde Celso Emilio Ferreiro botaría sete anos da súa vida. No trascurso do acto proxectáronse unha serie de fotos inéditas daquela homenaxe, na que estivo presente o máis representativo da cultura galega daquel momento e que constituíu un aceno de solidariedade coa loita dos labregos do concello ourensán de Castrelo de Miño. O acto tamén incluíu un recital a cargo das xoves poetas ourensás Alba Cid e Celia Parra, e pechouse coa homenaxe poético musical “Celso Emilio en Ourense”, adaptada por Xosé Luís Foxo, da man de Miriam Figueiras e Marco Foxo.

O Día Internacional da Poesía

Desde o ano 2000, a UNESCO celebra cada 21 de marzo o Día Internacional da Poesía, coa finalidade de promover a diversidade lingüística a través da expresión poética. O Centro PEN de Galicia sumouse á chamada da UNESCO desde o primeiro momento e, ano a ano, organiza actividades poéticas para festexar esta data. A Xunta de Galicia apoia tamén esta celebración de carácter internacional.