O director xeral do Patrimonio Cultural anuncia que a próxima semana comezarán os traballos de retirada de vexetación da Muralla de Lugo

José Manuel Rey Pichel informou hoxe no Paramento das vindeiras actuacións do Plan de Mantemento da Muralla 2011-2014, contratado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e que conta cun orzamento total de 896.000 euros

Mér, 21/03/2012 - 16:00

O director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para falar dos plans da Xunta de Galicia para o mantemento e conservación da muralla romana de Lugo. O director xeral anunciou que os traballos de limpeza e retirada de vexetación deste ben histórico comezarán a vindeira semana, labores incluídas dentro do Plan de Mantemento da Muralla 2011-2014, contratado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e que conta cun orzamento total de 896.000 euros.

O responsable do Patrimonio Cultural afirmou que este Goberno é “plenamente consciente de que a Muralla é, ademais de testemuña do pasado de Galicia, un espazo de uso público e un ben senlleiro cunhas características que fan que requira dun proceso de mantemento moi específico, por ese motivo vimos de aprobar un Plan de Mantemento ata o ano 2014”. José Manuel Rey Pichel asegurou que o este Plan constitúe “un enorme paso adiante, xa que permitirá dar resposta inmediata ás problemáticas habituais derivadas das características construtivas e de uso da Muralla”.

O director xeral explicou que o Plan de Mantemento inclúe tarefas de posta en valor con carácter mensual, a reposición de cachotería en lenzos, a conservación do pavimento e a impermeabilización do adarve, a reparación da instalación eléctrica e a retirada de vexetación. Ademais, o contrato de mantemento tamén inclúe un acordo entre a empresa adxudicataria dos traballos e a Universidade de Santiago para a realización dun estudo e un calendario para a limpeza da vexetación.

Deste xeito, segundo a proposta dos expertos da USC e a posterior conformidade dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, realizaranse o seguinte proceso: a retirada manual ou mecánica das plantas existentes nas paredes interior e exterior do monumento e adarve, que está previsto que comecen a semana próxima; o tratamento químico das paredes e do adarve a finais do mes de xullo ou principios de agosto, unha vez rematado o período de nidificación das aves e coas plantas novas rebrotadas; e o estudo da necesidade e oportunidade dun segundo tratamento no mes de outubro.

Neste sentido, Rey Pichel, respondendo á pregunta do deputado do Partido Popular, asegurou que “esta é a única metodoloxía e forma de actuar que consideramos científica, segura e apropiada para garantir a correcta e efectiva conservación do monumento; metodoloxía que, por outra parte, é a única recoñecida como idónea polos organismos internacionais e nacionais competentes en materia de conservación do patrimonio cultural”. Ademais, o novo plan de control da flora vascular ten en conta non só o control da vexetación durante o prazo de execución, senón tamén a realización dunha actualización do estudo, un seguimento continuado e o ensaio de novas formulacións fitocidas.

Finalmente, José Manuel Rey Pichel recordou que o investimento total na Muralla por parte da Consellería de Cultura e Educación entre os anos 2009 e 2012 é de máis de dous millóns de euros, “superando amplamente o realizado na anterior lexislatura, concretamente en preto de 500.000 euros máis”. Para o director xeral, esta cifras demostran “o compromiso da Xunta de Galicia con este ben Patrimonio Mundial e símbolo identitario dos lucenses”.

Menús News node R

Tema