O secretario xeral de Cultura presenta o catálogo 2012 da literatura infantil e xuvenil galega na Feira do Libro de Boloña

Anxo Lorenzo destacou “os pasos importantes que veñen dando as empresas editoriais e os creativos galegos vinculados á edición a prol da colocación dos seus produtos no mercado internacional”

Durante a mañá, o responsable de Cultura tamén se reuniu co presidente do Internacional Board on Books for Young People (IBBY)

A Consellería de Cultura e Educación participa neste encontro co stand oficial de Galicia para apoiar a proxección da industria editorial galega

Mar, 20/03/2012 - 14:33
O secretario xeral de Cultura presenta o catálogo 2012 da literatura infantil e
O secretario xeral de Cultura presenta o catálogo 2012 da literatura infantil e xuvenil galega na Feira do Libro de Boloña

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá o catálogo Galician Books for Children and Young Adults 2012 no marco da cuadraxésima novena edición da Feira do Libro para Nenos de Boloña (Bologna Children’s Book Fair), un encontro internacional que se celebra desde o 19 ao 22 de marzo na cidade italiana e no que Galicia conta cun stand oficial propio para dar a coñecer as súas novidades editoriais para os lectores máis novos.

Redactado en inglés, castelán e galego para favorecer a máxima difusión de escritores, ilustradores e editores, o catálogo recolle a ampla produción editorial galega para o público infantil e xuvenil publicada en 2011, conformada por un total de 118 títulos. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, editou este traballo, que contou coa coordinación editorial da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Co obxectivo de darlle a máxima difusión a esta mostra de libros, o catálogo está dispoñible no web da consellería, na sección de publicacións (http://cultura.xunta.es/publicacions).

Novos pasos na proxección internacional

O presidente de Gálix, Francisco Castro, presentou a obra co secretario xeral no stand oficial de Galicia, nun acto no que o responsable de Cultura asegurou que “as empresas editoriais e os creativos vinculados á edición veñen dando pasos moi importantes nos  últimos anos na súa colocación no mercado internacional”. Isto prodúcese, segundo precisou, “grazas a unha vontade do sector de estar aí, grazas tamén a un acompañamento institucional, pero, sobre todo, grazas á altísima calidade das propostas”.

A ampla variedade de publicacións imprescindibles para os primeiros lectores galegos foi outros dos aspectos que destacou Anxo Lorenzo, quen incidiu tanto no coidado estético das edicións como como na “aposta pola lingua galega que realizan as editoriais”.

O libro infantil e xuvenil, un sólido piar do sector

Así mesmo, o responsable de Cultura fixo fincapé na “tendencia á alza experimentada nos últimos dez anos polo libro infantil e xuvenil galego, pasando de 139 títulos en 1991 a 550 en 2010, o que constitúe un motivo de esperanza para o conxunto do libro galego”. O secretario xeral  referiuse aos resultados das políticas de lectura como un dos principais factores desta evolución positiva, así como tamén ao labor desenvolvido polas bibliotecas escolares.

Con respecto a este último factor, recordou o programa posto en marcha pola Xunta de Galicia en 2005 para a potenciación das bibliotecas escolares, centrado en obxectivos prioritarios como “o desenvolvemento de actitudes favorables á lectura mediante a creación de ambientes lectores, a formación de lectores e lectoras competentes e a consolidación do hábito da lectura entre os máis novos”.

Encontro co presidente do IBBY

Previamente á presentación do catálogo, Anxo Lorenzo mantivo un encontro institucional no stand de Galicia co presidente do Internacional Board on Books for Young People (IBBY), Ahmad Redza Ahmad Khairuddinque estivo centrado na participación galega, a través de Gálix, nos proxectos impulsados pola entidade internacional que representa o libro infantil e xuvenil. Na xuntanza tamén participaron o presidente e a tesoureira de Gálix, Francisco Castro e Ledicia Costas, respectivamente; a presidenta do Consell Catalá del Llibre Infantil i Juvenil, Reina Duarte; e a escritora Marilar Alexandre, membro do comité executivo do IBBY.

Presenza galega en Boloña

A Consellería de Cultura e Educación contribúe coa proxección internacional da produción editorial galega tanto coa publicación do catálogo de 2012 como co desenvolvemento dun escaparate propio de Galicia na Feira de Boloña, no que se amosan as novidades das editoriais galegas, entre elas Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia, Ouvirmos, Baía Edicións, Tambre, Nova Galicia Edicións, Kalandrada e OQO editora. Estas tres últimas tamén participan na feira cun stand propio.

Favorecer o negocio editorial é o obxectivo prioritario da Feira do Libro de Boloña, na que conflúen ilustradores, editores, escritores, axentes literarios, impresores e distribuidores de todo o mundo. Numerosas conferencias, exposicións, mesas redondas, debates etc. complementan a función comercial da feira, que se celebra na cidade italiana do 19 ao 22 de marzo.

Menús News node R

Tema