A Consellería de Cultura e Educación patrocina a oitava edición do Festival de documentais Play-Doc que comeza mañá en Tui

O apoio materialízase nun convenio de colaboración a través do que a Axencia Galega das Industrias Culturais achega 20.000 euros a este encontro internacional.

O director da Agadic asistirá á sesión inaugural do evento, que abren as fitas “Photographic memory” de Ross McElwee e “Vikingland”, de Xurxo Chirro.

Mar, 20/03/2012 - 12:50

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria patrocina o VIII Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, que desenvolve a partir de mañá e ata o vindeiro domingo 25 un amplo programa de exhibición e actividades paralelas. Esta colaboración concrétase a través dunha achega de 20.000 euros por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que por terceiro ano consecutivo apoia a organización do encontro, consolidado xa como unha das principais citas do panorama audiovisual galego.

O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, participará mañá na inauguración de Play-Doc, que terá lugar ás 20.30 horas no Teatro Municipal de Tui e trala que se exhibirán as obras Photographic Memory, de Ross McElwee, e Vikingland, de Xurxo Chirro, dúas das 26 fitas documentais que integran as diferentes seccións do certame. Os seus directores, Ángel Sánchez e Sara García, presentarán as liñas mestras da oitava edición no transcurso deste acto inaugural, que contará tamén coa asistencia do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e do director do Consorcio Audiovisual de Galicia, Anxo Quintanilla, en representación doutras dúas das entidades patrocinadoras do festival.

A colaboración co encontro tudense enmárcase dentro da liña de apoio da Consellería de Cultura e Educación ao audiovisual, que se estende así mesmo á convocatoria anual de axudas ao sector a través da Agadic e ao patrocinio de diferentes citas profesionais e festivais que serven de plataforma para o encontro entre público e creadores.

Ross McElwee e Artavazd Pelechian

O certame, que por primeira vez este ano emprega tamén a fórmula de micromecenado ou crowdfunding para o seu financiamento a través da plataforma Play-Doc Support, achegará aos espectadores a obra de dous destacados cineastas internacionais: o estadounidense Ross McElwee e o armenio Artavazd Pelechian, que visitan Tui como protagonistas de senllas seccións do festival. No caso do primeiro deles, considerado un dos pioneiros do documental autobiográfico contemporáneo en Estados Unidos, proxectaranse sete das súas fitas máis significativas; mentres que Pelechian, lenda viva do cinema soviético experimental, mostrará a súa filmografía completa.

Ademais, cinco filmes competirán por un galardón de 5.000 euros dentro da sección oficial do certame. Xurxo Chirro, con Vikingland, é o representante galego desta selección, na que figuran así mesmo recoñecidos directores como Ben Rivers ou Victor Kossakovsky, xunto con figuras emerxentes como Srdan Keca ou Hermes Paralluelo.

Cinema galego

O cinema galego conta co seu propio espazo en Play-Doc, onde se exhibirán os últimos traballos de Sandra Sánchez, Lois Patiño e Ángel Santos. Proxectarase igualmente un avance dos traballos xurdidos ao abeiro de “O retrato filmado” e “Docs in Progress”, os dous obradoiros para novos directores que impulsa o festival baixo a coordinación da produtora Marta Andreu.

Como vén sendo tradición na súa carteleira, o certame dirixe tamén unha ollada cara ao mundo da música a través dunha banda convidada, en relación coa que se programa un   concerto asociado a un documental. Nesta oitava edición, exhibirase Cure for Pain: A historia de Mark Sandman, fita arredor do líder da banda norteamericana Morphine falecido en 1999 durante un concerto en Italia. O grupo está agora de regreso aos escenario cun novo cantante, Jeremy Lyos, e o sábado 24 ofrecerá na sala Metropol de Tui o seu único concerto en España.

Menús News node R

Tema