A Xunta oferta cursos de balde para que o alumnado se prepare para as probas das escolas de idiomas

Os centros poden solicitar ata o 10 de xuño sumarse a este programa, que se realiza fóra do horario lectivo en catro niveis de inglés, francés, alemán e portugués 

Esta iniciativa súmase ás axudas de 100€ por alumno para sufragar probas de idiomas de institucións ou empresas certificadoras oficialmente recoñecidas

Dom, 05/05/2024 - 13:15
r

A Xunta de Galicia ten aberta a convocatoria para que os centros educativos soliciten organizar cursos dirixidos á preparación das probas de escolas oficiais de idiomas. Son os chamados cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (Cuale), que se imparten en inglés, francés. alemán e portugués. Neles poden participar estudantes de  centros públicos integrados, institutos de Secundaria e centros integrados de FP.

A actividade é totalmente gratuíta para as familias e é impartida por profesores do propio centro. Existen catro modalidades en cada unha das linguas, correspondentes aos niveis A1, A2, B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. 

Os centros que desexen ofertar os cursos deberán facer a correspondente solicitude en liña completando o formulario electrónico dispoñible na aplicación á que se accede desde o Portal Educativo. Poderán solicitar a súa participación ata o 10 de xuño. Os detalles poden consultarse no Diario Oficial de Galicia.

ESO, Bacharelato e FP

A modalidade Cuale A1 vai dirixida aos estudantes que superasen todas as materias de 2º da ESO e que estean matriculados en 3º, mentres que Cuale A2 está destinada ao alumnado que superase todas as materias de 3º da ESO e estea matriculado en 4º curso, así como aos inscritos en ciclos de FP de grao medio de menos de 2.000 horas. 

Cuale B1 é para alumnado de Bacharelato, de grao medio de FP de 2.000 horas e de grao superior de menos de 2.000 horas. Pola súa parte, Cuale B2 está dispoñible para Bacharelato, ciclos de FP de grao superior de 2.000 horas e para quen teña o certificado del nivel intermedio das escolas oficiais de idiomas ou outros certificados do nivel B1.

A superación das probas ao remate do curso supón a expedición por parte do centro dun certificado, no caso do nivel básico do Cuale A1, e dun certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación que se realizarán nas escolas oficiais de idiomas, no resto das modalidades. Para a obtención dos certificados oficiais é necesario que os estudantes superen as probas específicas que as escolas oficiais de idiomas realizan cada ano.

Axudas para a acreditación

Este programa, que se enmarca na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, ten como obxectivo que o alumnado mellore as súas competencias en outros idiomas desde o seu propio centro educativo. 

Súmase ao Programa de Acreditación en Linguas Estranxeiras que ten en marcha a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través do que de 5.500 alumnos de 205 centros de toda Galicia poderán certificar as súas competencias lingüísticas en diferentes idiomas a través de probas de específicas financiadas pola Xunta.

Ao seu abeiro, a Consellería de Educación habilita unha partida de 550.000€ para o financiamento destas probas, cunha contía de 100€ por alumno, que vai destinada a sufragar o custo das probas das destrezas orais e escritas que realicen estudantes de 4º de ESO, Bacharelato ou FP para certificar os niveis B1, B2 ou C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, correspondentes cos niveis intermedio e avanzado. Poden empregarse para as probas de institucións ou empresas certificadoras oficialmente recoñecidas.