O secretario xeral de Cultura inaugura a segunda edición do encontro #NeThinking na Illa de San Simón

Anxo Lorenzo participou esta tarde na presentación da xornada, na que expertos nas redes sociais e activos blogueiros analizarán entre hoxe e mañá a potencialidade e retos de internet como plataforma de comunicación

O evento, que non contará con público presente, será transmitido por streaming e por Twitter, a través do hashtag Nethinking2012

Mér, 07/03/2012 - 18:05

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta tarde a segunda edición do encontro #NeThinking, que hoxe e maña reunirá na Illa de San Simón expertos nas redes sociais e activos blogueiros que analizarán a revolución de internet e os retos que a rede implica como plataforma de comunicación e relacións sociais.

Durante a apertura da xornada, Anxo Lorenzo recordou “a vía de oportunidades infindas que abren as tecnoloxías da información e da comunicación nas relacións humanas e na construción cultural” e fixo fincapé en que “a rede flexibiliza e dinamiza as posibilidades de produción cultural e creativa”.

O secretario xeral referiuse á participación social como “unha das oportunidades máis interesantes da rede”. Ao fío disto asegurou que unha cidadanía que busque e aproveite estas novas canles nas que encamiñar a súa creatividade, a súa necesidade de expresión e de comunicación é sen dúbida ningunha un progreso da nosa sociedade que debemos seguir promovendo.

Oportunidades da web 2.0

Finalmente, desde o punto de vista das institucións e das industrias culturais, Anxo Lorenzo considerou “imprescindible tirar proveito desta oportunidade da web 2.0 para abrirse a novos públicos, para dar a coñecer, distribuír e colocar no mercado as propostas, así como para establecer interrelacións indispensables que faciliten a posta en marcha de proxectos en formatos de colaboración”.

Seguimento do encontro a través da rede

O encontro, que non contará con público presente na Illa de San Simón, será transmitido por streaming e por Twitter a través do hashtag Nethinking2012, desde onde se poderán enviar as preguntas dos seguidores destas xornadas de debate.

#NeThinking foi deseñado como un encontro áxil e dinámico, ao igual que a propia rede. Para isto propón diversas mesas de debate integradas en cinco paneis temáticos, nos que se abordarán, entre outros, temas de interese arredor do software, os modelos de comunicación, dereitos de autor, estratexias e retos de futuro.

Entre os participantes atópase Mario Tascón, director do Manual de español urxente para Internet, redes sociais e novos medio, da Fundación Español Urxente; José Jiménez Moltó, autor do blog kurioso.es; o director de cine Nacho Vigalondo; e o xornalista Antón Losada,  entre outros.

Menús News node R

Tema