Jon Spencer e Thurston Moore abren o ciclo Galicia Importa 2012, que ofrecerá sete concertos baixo o patrocino da Agadic

Juan Carlos F. Fasero valora esta iniciativa da produtora viguesa Sweet Nocturna que sitúa a Galicia como destino habitual dentro do circuíto de distribución internacional de artistas de referencia en diferentes estilos.

Consolídase como referente dentro da programación de música contemporánea en Galicia, con preto de 20.000 espectadores dende a súa primeira edición en 2008

Mér, 07/03/2012 - 14:25
Jon Spencer e Thurston Moore abren o ciclo Galicia Importa 2012
Jon Spencer e Thurston Moore abren o ciclo Galicia Importa 2012, que ofrecerá sete concertos baixo o patrocino da Agadic

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria patrocina unha nova edición do ciclo Galicia Importa, que dá comezo este mes de marzo coas actuacións de The Jon Spencer Blues Explosion o martes 13 na sala Capitol de Santiago e de Thurston Moore –alma mater da banda Sonic Youth– o mércores 14 no Centro Cultural Ágora da Coruña, ás 21.00 horas en ambos casos. Estas son as dúas primeiras confirmacións do total de sete concertos que a produtora viguesa Sweet Nocturna organizará en 2012 dentro desta programación, que como explicou hoxe o director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, supón a inclusión de Galicia como destino a ter en conta para as xiras de figuras internacionais de referencia en moi diferentes estilos.

Fasero, quen presentou esta quinta edición de Galicia Importa xunto con Raquel Seijo, de Sweet Nocturna, fixo fincapé na filosofía do proxecto, que se concreta nunha programación xeograficamente descentralizada, en salas de aforo reducido, a través da que visitan Galicia artistas de primeiro nivel e de gran singularidade que, en moitas das ocasións, se presentan aquí en formatos especiais ou especificamente deseñados para o ciclo, de xeito que se “propician encontros co público que se converten en experiencias únicas”.

Esforzo empresarial

Para o director da Agadic, este programa supón, ademais, “a inclusión de Galicia no circuíto de distribución internacional como destino a ter en conta polas multinacionais que entran en contacto coas empresas musicais do país”. Neste sentido, recoñeceu especificamente “o esforzo das produtoras e promotoras musicais galegas na organización deste tipo de eventos, que veñen satisfacer as demandas dunha parte importante do noso público musical, nunha operación, en definitiva, de natureza privada e non exenta de risco profesional e económico”.

Con preto de 20.000 espectadores nos 28 concertos celebrados dende a súa posta en marcha en 2008, 4.000 deles correspondentes ás oito citas celebradas o ano pasado, esta iniciativa consolídase como referente dentro da programación de música contemporánea en Galicia, presentando na Coruña, Pontevedra, Santiago de Compostela ou Vigo artistas como Peter Doherty, Bonnie “Prince” Billy, Aloe Blacc, Bettye Lavette, Richard Hawley, Joan Baez, Yo La Tengo, Rufus WainWright, Interpol, Eli “Paperboy” Reed, Alice Cooper, Teenage Fanclub, dEUS, Gogol Bordello ou Tindersticks, entre os que espertaron maior expectación.

The Jon Spencer Blues Explosion e Thurston Moore incorpóranse a este destacado cartel como protagonistas dos dous primeiros concertos deste ano, para os que se poden adquirir entradas a través das canles de venda que se especifican na web www.galiciaimporta.com. En ambos casos,o seu prezo é de 18 euros en venda anticipada e de 22 euros en billeteira.

Impulsores do blues punk

Jon Spencer (voz e guitarra), Judah Bauer (guitarra e voz) e Russell Simins (batería) son The Jon Spencer Blues Explosion, trío formado en Nova York a primeiros dos noventa e considerado como o impulsor do blues punk. En 1994 editaban o seu frenético Orange, disco no que xa bebían das raíces negras do rock’n’roll para llelas ofrecer ao público nunha visceral revisión. Co paso dos anos, os seus discos posteriores e os seus numerosos concertos por todo o mundo teñen acrecentado esta fama de apisoadora do raw rock’n’roll.

Baixo o liderado de Jon Spencer –quen tamén estivera á fronte da banda de culto Pussy Galore– o trío ofrece sobre o escenario un blues-rock “garaxeiro”, sucio e potente, pero executado con estilo e sofisticación. A súa apostura sensual e desafiante, os seus arrebatos e os seus riffs de blues valéronlle a Spencer a consideración de pioneiro na revolución das raíces do rock, que tería despois numerosos seguidores.

O da sala Capitol de Santiago será o primeiro dos tres concertos que a banda ofrecerá en España dentro da súa xira europea, durante a que tamén actuarán na Joy Eslava de Madrid e na Bikini de Barcelona.

Cuarto álbum en solitario

Pola súa banda, a actuación de Thurston Moore no Ágora da Coruña insírese tamén dentro dunha exclusiva xira –durante a que visitará, así mesmo, Madrid, Barcelona e Granada– para presentar o seu cuarto traballo discográfico en solitario, Demolished Thoughts, que viu a luz no verán de 2011 e para o que contou con Beck na produción.

Guitarrista, vocalista e membro fundador dos míticos Sonic Youth, o seu impresionante legado vai máis alá da experimentación á fronte do seu grupo, deixando tamén unha fonda pegada a través da súa carreira paralela como solista e como produtor de bandas independentes. Falar de Moore é facelo dun deses músicos que coa súa achega vén marcando os vieiros da música contemporánea durante os últimos anos, situándose desde os primeiros oitenta como unha das figuras emblemáticas do rock americano.

Xunto con Sonic Youth, facturou algúns dos mellores momentos da música independente americana dos últimos trinta anos. A banda chegou a converterse en referente no seu xénero, de xeito que é evidente a súa influencia sobre infinidade de artistas, manténdose aínda ao máis alto nivel, tanto en estudio como en directo

Tralo seu recente divorcio de Kim Gordon, a súa compañeira en Sonic Youth, Thurston Moore céntrase no seu proxecto en solitario e no seu disco Demolished Thoughts, no que –coa colaboración de Beck– creou un ambiente puro, cheo de emoción e intensidade, que evidencia o seu gran talento. Ademais, nesta nova etapa decántase por un formato acústico baseado en guitarras e cordas para ofrecer un disco atemporal que aparece extremadamente limpo nos seu recursos.

Máis información: www.galiciaimporta.com

Menús News node R

Tema