Título node Learning object

Visitas educativas na Cidade da Cultura. Curso 2023-2024
Mér, 24/01/2024 - 07:59
Imaxe

Co arranque do ano, lémbrase que a Cidade da Cultura ofrece ata final de curso un completo programa de visitas educativas para o alumnado, centrado nas grandes exposicións temporais do Museo Centro Gaiás e tamén na arquitectura da Cidade da Cultura.

Estas visitas son un complemento formativo que permite aproveitar os recursos culturais do Gaiás para coñecer manifestacións culturais de un excepcional valor para o alumnado dos diferentes niveis.

Na seguinte ligazón pódense consultar as quendas e datas, así como reservar praza para a saída didáctica: https://www.cidadedacultura.gal/es/evento/visitas-didacticas-curso-2023-2024.

 

MODALIDADES DE VISITA EDUCATIVA

  • TESOUROS REAIS. OBRAS MESTRAS DO TERRA SANCTA MUSEUM

A exposición Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, exposta por única vez en España na Cidade da Cultura, permite á comunidade educativa achegarse á particular historia dunha das cidades máis importantes do mundo: Xerusalén.

Con este programa de visitas educativas, de balde, o alumnado de diferentes niveis poderá coñecer o valor simbólico da cidade para a política e a relixión na historia de Europa e achegarse a unha colección de obxectos únicos, xoias de grande valor rara vez expostas ao público.

  • HABITATS. NATUREZA ESTENDIDA

Hábitats ofrece unha nova e emocionante maneira de entender a biodiversidade do planeta, así como a capacidade de influír nela que ten o ser humano. Esta experiencia sensorial recrea, grazas ás tecnoloxías de realidade virtual e realidade aumentada, nove espazos naturais nos que as e os estudantes poderán convivir e interactuar con animais e plantas, descubrindo información de interese sobre cada un deles e sobre a súa importancia no delicado equilibrio dos ecosistemas.

  • VISITA ARQUITECTÓNICA CIDADE DA CULTURA

Familiarizar á comunidade educativa co apaixonante mundo da arquitectura é o obxectivo principal destas visitas educativas. Descifraremos o código destes edificios a través dun percorrido ideado para profundar no proxecto construtivo de Peter Eisenman e a súa relación coa contorna paisaxística e natural na que se atopa. A visita inclúe a análise das maquetas da Cidade da Cultura, o vestíbulo do Museo Centro Gaiás, o Xardín Literario coas súas vistas sobre Santiago, o edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia e as Torres Hejduk.