Título node Learning object
Dende o Campus de Ourense, Universidade de Vigo, véñense organizando nos últimos anos xornadas de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia (11 de Febreiro). Ademais, tamén se poñen diferentes recursos educativos a disposición dos centros de ensino a través da páxina web https://exxperimentaenfeminino.uvigo.gal.
Este curso 2023/2024, tralo éxito do libro “As mulleres que nos levaron ao espazo”, acábase de publicar o libro “E ti, que científicas coñeces?”, que foi creado coa axuda da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia. Trátase dun libro sobre mulleres científicas ilustrado con debuxos dos presentados neste últimos sete anos ao Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, concurso promovido coa axuda da Unidade de Igualdade, pola Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.
Con este libro búscase divulgar entre o alumnado o papel das mulleres nas disciplinas CTEM, papel que foi en múltiples ocasións ocultado e relegado ao esquecemento. A pesar das importantes contribucións das mulleres á ciencia e á tecnoloxía, estas seguen sendo invisibles nos libros de texto, tanto en educación primaria como en secundaria onde só o 7,6% dos referentes culturais e científicos son femininos.
No libro aparecen as biografías de 18 mulleres. Desta forma, achégase ao alumnado a biografía dunha amplo abanico de mulleres relevantes no mundo da ciencia en lingua galega. Este material en formato de libro electrónico (pdf), servirá para que os centros poidan traballar con el na aula. Neste momento o libro pódese descargar sen coste algún da páxina de eXXperimenta en feminino (https://exxperimentaenfeminino.webs.uvigo.es/inicio-recursos_gal/).
Se desexa un exemplar desta publicación para a biblioteca do seu centro, pode solicitalo por correo electrónico no enderezo exxperimentaenfeminino@uvigo.gal. No correo débese indicar o nome do centro e o enderezo postal para o envío.