A Xunta levará puntos de información xuvenil itinerantes aos IES

Lun, 25/09/2023 - 19:23
p

A Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, en aras de seguir facilitando o achegamento da información xuvenil á poboación moza, ofrece a posibilidade de poñer en marcha Puntos de información xuvenil itinerantes nos centros docentes con ensinanzas de educación secundaria.

Esta iniciativa, que arrincou a comezos de 2022 nos sete campus universitarios galegos grazas á colaboración das tres universidades públicas, estendeuse no curso pasado aos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP). Coa inclusión dos centros de ensino que teñan ESO e Bacharelato amplíanse as oportunidades para a mocidade, que poderá coñecer de preto todos os recursos, programas e axudas existentes en materia xuvenil. Así mesmo, neste punto tamén se habilitará a activación do Carné Xove, que a Xunta de Galicia enviou, de xeito totalmente gratuíto, a toda a poboación moza de 12 a 30 anos.

Serán os centros educativos os que soliciten esta iniciativa a través do seguinte formulario, no cal teñen a posibilidade de indicarnos que mes do curso escolar lles viría mellor para a visita. Unha vez recibidas as peticións, o equipo de dinamización xuvenil encargado da xestión desta acción poñerase en contacto co profesor ou profesora de contacto para fixar a data e o horario axeitado para a instalación do punto de información xuvenil. O horario deste punto estenderase, como máximo, ao longo dunha xornada lectiva.

A través desta acción refórzanse os programas de difusión e achegamento da información de interese para a mocidade que a Consellería ten en marcha xa nos centros educativos, como é o caso de Correspondentes xuvenís. De feito, aqueles centros que desenvolvan este programa terán preferencia, de existir unha elevada demanda, de cara á instalación deste punto de información xuvenil itinerante. Neste caso tamén se fomentará a participación dos correspondentes.