A Consellería de Cultura e Educación aposta polo traballo conxunto na Rede de Dinamización Lingüística a prol da lingua galega como proxecto común

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, salientou hoxe o apoio que está a prestar o Goberno galego aos concellos no seu labor de promoción da lingua

Así mesmo, avogou por un futuro coordinado e sostible para os servizo lingüísticos municipais

Mér, 08/02/2012 - 19:52

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a apostar polo traballo conxunto a prol da lingua galega no marco da Rede de Dinamización Lingüística, un “proxecto pioneiro nas administracións galegas”, posto en marcha polo actual Goberno da Xunta. Así o explicou está mañá en comisión parlamentario o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que salientou o traballo da Rede, incidindo “na busca de lugares comúns e de posturas de expresión e entendemento que nos permitan, xuntos, avanzar no prestixio e extensión do uso do galego”.

“Para iso –engadiu- queremos facer partícipes desta nova etapa no proceso de normalización lingüística a todos aqueles concellos que xa levan tempo andado neste camiño, e a moitos outros que se incorporan”. Neste sentido valorou a súa aposta por unir esforzos e aproveitar experiencias e sinerxías, “por comezar a traballar de maneira conxunta demostrando que a lingua galega non é un elemento de separación, senón de unión. A lingua galega é o noso proxecto en común”.

Apoio aos concellos

Valentín García explicou na súa comparecencia no Parlamento que o Goberno galego continúa a apoiar aos concellos no seu labor de promoción da lingua “de acordo coas responsabilidades emanadas da Constitución, o Estatuto de Autonomía de Galicia, a Lei de normalización lingüística, a Lei de Administración local de Galicia; e desenvolvendo as medidas establecidas no Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade neste Parlamento”.

Así, salientou a publicación da nova Orde do 16 de decembro de 2011, pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega abrangue as accións de dinamización lingüística levadas a cabo por concellos ou agrupamento de concellos entre o 1 de xaneiro de 2011 e o 15 de outubro de 2012. “Isto é –explicou- que permite a imputación do gasto destes dous exercicios económicos, dándolle así cumprimento aos compromisos establecidos por mor da anulación da orde 2011, derivada do axuste extraordinario dos orzamentos da Xunta de Galicia o ano pasado”.

O secretario xeral de Política Lingüística engadiu a súa vontade de seguir traballando na perspectiva de busca de diálogo permanente e fluído, “co fin último de acadar resultados óptimos e eficientes na promoción do galego desde as dúas administracións”.

Futuro dos servizos lingüísticos municipais

Respecto do futuro dos servizos lingüísticos municipais Valentín García explicou que pasa por unha combinación de eficiencia e eficacia, na que é necesario contextualizar as accións de promoción e de consolidación social da lingua galega.

Neste sentido apostou por aplicar a lóxica dos proxectos optimizados e sustentábeis no tempo. “O futuro dos servizos lingüísticos - rematou-  albíscase vinculado a unha política lingüística eficaz, eficiente pero, sobre todo, coordinada e sostible, coa que garantir o desenvolvemento da promoción social da lingua galega por todo o noso territorio de forma planificada, tendo en conta as distintas condicións sociolingüísticas e peculiaridades de cada entidade local, lugar ou ámbito nos que é preciso actuar”.

Menús News node R