A Xunta impulsa a promoción internacional do audiovisual galego como sector estratéxico da economía e da cultura

Os conselleiros de Economía e Industria e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentan o acordo mediante o cal o Igape apoia con 350.000 euros o Plan de Internacionalización do Consorcio Audiovisual de Galicia

Javier Guerra destaca o potencial económico do sector, baseado na innovación, e a súa capacidade “para impulsar a promoción de Galicia no exterior, un labor fundamental para captar investimentos foráneos”

O Conselleiro de Economía e Industria subliña a importancia da internacionalización como fórmula de crecemento empresarial, xunto coa innovación e a mellora competitiva

Xesús Vázquez Abad salienta que este convenio permita “continuar potenciando as alianzas empresariais fóra de Galicia e apoiar novos proxectos que garantan e consoliden un crecemento sostible da nosa industria audiovisual, aspectos que producirán un aumento da competitividade e a calidade dos proxectos audiovisuais galegos”

Mér, 08/02/2012 - 14:27
A Xunta impulsa a promoción internacional do audiovisual galego como sector estr
A Xunta impulsa a promoción internacional do audiovisual galego como sector estratéxico da economía e da cultura

A Xunta de Galicia reafirmou hoxe o seu compromiso coa promoción internacional do sector audiovisual galego mediante o acordo de colaboración presentado polos conselleiros de Economía e Industria, Javier Guerra, e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, que ten como obxectivo apoiar as actividades de proxección exterior previstas no plan de internacionalización impulsado polo Consorcio Audiovisual de Galicia e para o que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destina 350.000 euros.

Javier Guerra salientou o carácter estratéxico e prioritario do sector audiovisual, “tanto polo seu potencial económico, baseado na innovación, como pola súa capacidade para impulsar a promoción de Galicia no exterior, un labor fundamental para captar investimentos foráneos”. O conselleiro destacou que o seu departamento, a través do Igape, destinou nesta lexislatura case 800.000 euros a iniciativas colectivas de promoción da internacionalización do audiovisual a través de colaboracións tanto co Consorcio como co Clúster do sector.

O conselleiro de Economía e Industria salientou que a Xunta está a promover unha ambiciosa estratexia de apoio á internacionalización, como “principal fórmula de crecemento empresarial, xunto coa innovación e a mellora competitiva”. O obxectivo, lembrou o conselleiro, “é conseguir 700 novas empresas exportadoras e incrementar en 3.400 millóns de euros as exportacións galegas entre 2011 e 2013”.

Con respecto a este reto de futuro, engadiu que “imos polo bo camiño”, dado que as exportacións galegas medraron un 43,5% en novembro con respecto ao mesmo período do 2010. Javier Guerra destacou que o audiovisual galego é un dos sectores máis dinámicos no ámbito da promoción exterior e, a modo de exemplo, indicou que máis do 51% dos apoios aprobados polo Igape ao sector das industrias culturais se corresponden á liña de axudas á internacionalización, xa que é o programa ao que máis acoden as empresas.

Pola súa banda, o conselleiro deCultura, Educación e Ordenación Universitaria, explicou que a evolución do sector audiovisual no contexto do actual mercado global “lévanos a poñer unha especial énfase na necesidade de orientar os nosos produtos audiovisuais cara os mercados internacionais e priorizar así na competitividade das creacións galegas no exterior”. Neste sentido, o conselleiro salientou que se continuará “potenciando as alianzas empresariais (produción, promoción e distribución) fóra de Galicia, apoiaremos novos proxectos que garantan e consoliden un crecemento sostible da nosa industria audiovisual e con esta estratexia aumentaremos a competitividade e a calidade dos proxectos audiovisuais galegos”.

Xesús Vázquez Abad asegurou que a industria audiovisual “ofrece grandes oportunidades de negocio máis alá do propio mercado interior, posto que a consolidación de alianzas exteriores traducirase tamén nunha maior visibilidade do especificamente galego”. Deste xeito, a través do acordo asinado hoxe impulsarase a capacidade de internacionalización das nosas empresas audiovisuais, fortalecerase o tecido industrial e difundiranse as creacións galegas”.

A continuación o conselleiro de Cultura e Educación explicou que o audiovisual galego estará presente “nos foros e mercados internacionais e nacionais máis representativos polo seu volume de negocio”. Deste xeito, ao longo deste ano 2012 en Francia acudirase ao Festival Internacional de Curtametraxes Clermont-Ferrand; ao Sunny Side of the Doc de La Rochelle, ao Annecy, ao MIPTV e ao  Marché du Film en Cannes. Un ano máis facilitarase a promoción dos nosos filmes no European Film Market de Berlín / Berlinale en Alemaña; no Festival de Cine de Toronto, en Canadá;  no Festival Ventana Sur, en Arxentina; e en España asistirase aos certames de Málaga, San Sebastián, Sitges e a Madrid de cine, entre outros. Vázquez Abad tamén adiantou que esta fin de semana o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, estará en Berlín apoiando á industria audiovisual galega no European Film Market, o segundo mercado cinematográfico do mundo.

Promoción exterior da industria cinematográfica galega

O Consorcio Audiovisual de Galicia e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) veñen de asinar este acordo co obxectivo de desenvolver conxuntamente a internacionalización do sector audiovisual. O Consorcio ten entre os seus obxectivos o desenvolvemento do sector audiovisual galego, e entre as súas finalidades específicas están impulsar a produción audiovisual propia e a coprodución, así como a súa distribución por calquera dos sistemas e canles de difusión e a divulgación das obras audiovisuais galegas nos distintos territorios.

O Consorcio vén desenvolvendo un Plan de Internacionalización que inclúe, entre outras liñas de acción, a presenza do sector nos mercados audiovisuais nacionais e internacionais máis relevantes, co obxectivo de achegar as empresas galegas a posibilidade de presentar as súas producións aos profesionais internacionais (distribuidores, axentes de venda, compradores, canles de televisión, novas plataformas, etc). Ademais, tamén se organizan encontros bilaterais de produtores de territorios de declarado interese estratéxico co claro obxectivo de fomentar a coprodución internacional. Promóvense os rodaxes de cine e publicidade na nosa Comunidade Autónoma a través da ‘Galicia Film Commission’, oficina orientada á difusión de Galicia como escenario de realización de obras audiovisuais, que impulsa a utilización de recursos galegos, como empresas auxiliares e profesionais do sector.

A través deste convenio, o IGAPE aportará apoio ao Consorcio para o desenvolvemento do seu Plan de Internacionalización durante este ano  2012, plan que inclúe a asistencia ás citas cinematográficas máis importa e a elaboración de material de apoio como os catálogos Ways to Film, Films from Galicia e Shorts from Galicia.

Declaracións do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez

Declaracións do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra