G2103008 Roteiro polos espazos vitais de Olga Novo
Esta experiencia didáctica propón dotar de contexto á obra de Olga Novo así como amosar o paso do tempo sobre as comunidades rurais e destacar algúns dos compoñentes destas que normalmente son pasados por alto.
Pola columna vertebral
O roteiro comeza nun punto de Vilarmao onde está o Simca 1200 en desuso dos veciños da familia da escritora onde naceu no 1975 Olga Novo.
A partir de aí, o percorrido atravesa toda a aldea en liña recta, semellando o que Novo califica como «unha estrutura de columna vertebral». A dinámica pasa a consistir na autora contando historias persoais relacionadas con cada casa. Unha das paradas que conta con maior simbolismo é a casa natal da poeta: «É de onde procede toda a miña familia paterna e, entón, hai algúns elementos a partir dos cales explico a miña obra, tamén para min mesma». Entre estes, atópase o tractor do seu pai do ano 1975, que representa todos os cambios dados na sociedade cara a maquinización e, a un tempo, na súa propia familia.
Ao tratarse dun paseo pola aldea na que a escritora desenvolveu gran parte da súa experiencia vital, un dos fins do itinerario é incidir sobre o factor humano e social presente en núcleos rurais como o de Vilarmao. Algunhas das figuras que Olga Novo quere poñer en valor son as de «tantas e tantas mulleres humildes cuxos labores e vidas resultaron invisibles». A autora subliña especialmente todo o legado que algunhas destas mulleres lle deixaron: «Ao carón delas aprendín diferentes cousas da vida moi importantes, quizais moito máis que aquelas que aprendín na escola».
Historias esquecidas
Do mesmo modo, a vida infantil no rural é outro dos perfís que busca destacar: «Os nenos e as nenas realizaban permanentemente tarefas de apoio nos traballos que resultaban esenciais para as comunidades campesiñas». A escritora incide na importancia de contar aquelas historias moitas veces obviadas: «Considero que teñen pasado á historia grandes poderes que nos atenazan máis que outra cousa. Polo contrario, non o fan aquelas persoas que verdadeiramente conforman e manteñen a vida».
A partir destas historias persoais, a autora busca poñer o foco nos cambios que sufriron as relacións entre os veciños do rural que, anteriormente, eran «de carácter familiar nun sentido amplo e profundo». Unha das causas que impulsaron estas e outras mudas ten que ver coa propiedade nos ambientes comunais e é apuntada por Novo: «A propiedade non era tan privada como agora, non había o sentido da intimidade de hoxe en día».
Lugar de celebración: VIlarmao
Data de realización: 7 de maio
Relatora: Olga Novo
Código en fprofe: G2103008